Monforte de Lemos, 6 de marzo de 2021. O Concello de Monforte de Lemos aposta por reducir a cantidade de lixo xerado na cidade, e para logralo, a administración municipal, en colaboración con SOGAMA, impulsará a compostaxe doméstica, a través do desenvolvemento dun novo “Programa de Compostaxe dos residuos orgánicos do Concello de Monforte”.
Tal e como destacou o Alcalde, José Tomé Roca, “dende o Concello temos previsto distribuír entre os fogares da zona urbana de Monforte 100 composteiros domésticos, cada un deles terá unha capacidade de 350 litros, dos que 50 son aportados por Sogama e os outros 50 polo propio Concello. O reparto virá acompañado dunha xornada formativa na que explicaremos as claves para utilizar axeitadamente os composteiros”.
O Alcalde explica que “a pretensión é reducir a xeración de residuos, posto que a fracción orgánica, é dicir, os restos de comida que se orixina nas nosas vivendas, constitúe case a metade do contido da nosa bolsa do lixo. Se producimos compost, isto tradúcese na redución do lixo que se transporta e deposita nos vertedoiros, e ademais obtemos un abono natural de excelente calidade para as nosas plantas”.
O rexedor engade que con esta actuación “aportamos o noso gran de area para entregar a Sogama unha cantidade de lixo inferior, o que se traduce tamén nunha diminución do importe da factura a pagar a esta empresa pública”.
Para iso, a partir do vindeiro luns 8 de marzo, o Concello abre un prazo para confeccionar unha lista de veciños interesados en acceder a este “Programa de Compostaxe de residuos orgánicos do Concello de Monforte” e, deste xeito, poder conseguir, sen ningún coste, un composteiro: “as persoas interesadas terán que dirixirse ó Rexistro Xeral do Concello e solicitar o modelo de instancia a cubrir, que tamén se poderá descargar a través da páxina web”, explica o mandatario local. O prazo para presentar a solicitude estará aberto ata o venres 26 de marzo.
Requisitos para solicitar un composteiro
Para optar a un composteiro, os solicitantes deberán ser cidadáns censados en Monforte, e á hora da distribución o persoal técnico da Concellería de Medio Ambiente priorizará que os demandantes teñan a súa finca ou xardín no núcleo urbano de Monforte, e que non recibiran un composteiro a través de campañas deste tipo que anteriormente organizara o Concello.
Tamén teranse en conta outros aspectos como número de habitantes da unidade familiar, extensión da finca á que se destina o composteiro, hábitos de consumo, etc. Estes datos, serán aportados polo demandante do composteiro, no momento en que cubran o formulario de solicitude que terán que presentar para elo.
Charla técnica e entrega de composteiros
As persoas que finalmente accedan ó programa de compostaxe serán confirmadas dende a Concellería de Medio Ambiente, e deberán participar nunha charla formativa específica impartida por técnicos medioambientais, onde se lles explicará como utilizar axeitadamente o composteiro, a fin de reducir os restos orgánicos xerados nos fogares e obter un compost natural.
Nesa mesa charla técnica, ó rematar, cada un dos participantes recibirá o correspondente composteiro, polo que será necesario asistir á mesma para poder recollelo.
Finalmente, os participantes neste novo programa de compostaxe do Concello disporán dun servizo de asesoría permanente para resolver as dúbidas. Para recibir máis información, poden contactar co técnico municipal de Medio Ambiente no teléfono 628 115 309.
“Con esta nova campaña de reparto de composteiros buscamos reducir a xeración de residuos, posto que a fracción orgánica, é dicir, os restos de comida que se orixina nas nosas vivendas, constitúe case a metade do contido da nosa bolsa do lixo”, conclúe o Alcalde.
En anteriores campañas, o Concello monfortino repartiu xa 193 composteiros. Coas 100 unidades destinadas á nova campaña, serán case 300 composteiros os que se levarán distribuído entre os veciños e veciñas de Monforte. Ademais, o Concello dispón, no Parque da Pinguela, de 4 composteiros comunitarios que reforzan o traballo que a entidade municipal desenvolve a prol da reciclaxe e da redución de residuos.