Monforte de Lemos, 22 de marzo de 2021. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou na mañá de hoxe a exposición “O Traxe Festivo da Muller Aldeá, nas Terras de Lugo”, no espazo expositivo municipal do Centro do Viño da Ribeira Sacra, mostra que permanecerá aberta ata o vindeiro sábado 27 de marzo, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas.
No acto de apertura, o Alcalde estivo acompañado polo Director de El Progreso, Alfonso Álvarez Riveiro, a Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, a 1ª Tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, así como diversos membros da Corporación municipal monfortina.
Esta exposición itinerante que iniciou a súa andaina en Monforte, e que percorrerá diversos concellos da provincia de Lugo, está organizada polo Grupo El Progreso, e elaborada polo obradoiro artesán lucense Traxandaina. Está composta por pezas antigas e réplicas de traxes festivos de gala das mulleres lucenses de finais do século XIX, seleccionadas entre as moitas vestimentas documentadas ou recollidas en diversas casas da provincia de Lugo.
Na súa intervención o Alcalde e Presidente da Deputación resaltou que “esta exposición sérvenos para ensalzar o noso medio rural, neste caso, mergullándonos nun pasado xa non tan recente, pero que é necesario seguir recordando e poñendo en valor. Porque coñecer o noso pasado é fundamental para construír no noso futuro, e a cultura representa un pilar fundamental para construír ese futuro”.
Neste senso, tanto en Monforte e nas Terras de Lemos, como no resto da provincia de Lugo, o eido rural é un protagonista esencial. Non so dentro do sector primario, senón tamén para a cultura, as tradicións e a historia. “No Concello de Monforte contamos con 26 parroquias que conforman o noso ámbito rural, e que achegan tradicións, cultura, e costumes, que contribúen a enriquecer a nosa historia e a nosa forma de ser. Por iso, esta exposición que hoxe inauguramos é un acerto para reivindicar o noso rural e ensalzar ós seus protagonistas” salientou o rexedor municipal.
O Alcalde ensalzou o papel da muller ó longo da historia do rural galego “no que se constitúe como peza esencial e vertebradora do mesmo. Esta exposición adquire un valor especial ó homenaxear a figura da muller rural, neste caso a través dos seus traxes festivos, que facían con teares nas súas casas ou que, cando apareceu a máquina de coser, eran elaborados por costureiras que ían de casa en casa.”
Finalmente Tomé Roca destacou a importancia de exposicións coma esta que “axudan a seguir adiante coas nosas vidas, co noso día a día, a pesar da Covid, e contribúen a acadar ese obxectivo de “voltar á normalidade”. A normalidade que supón, como é neste caso, visitar un espazo onde coñecer o noso pasado a través desta magnífica mostra”.
O Traxe Festivo da Muller Aldeá, nas Terras de Lugo
Este proxecto do Grupo El Progreso é unha mostra itinerante de traxes de gala tradicionais das mulleres provincia de Lugo, unha compilación de pezas antigas ou répricas de traxes festivos das mulleres lucenses tralos resultados obtidos logo de moitos anos de documentación e recollida polos investigadores de Traxandaina.
Traxandaina é un obradoiro artesán rexistrado coa marca Artesanía de Galicia, con sede en Lugo e longa tradición no estudo, localización e confección de indumentaria tradicional. A súa paixón é prioridade son o rescate e conservación de formas, bordados, tecidos e cores, polo cal, todo o seu traballo está feito exclusivamente coas técnicas de tecedura, patronaxe e costura de antano. Os traballos de Traxandaina foron recoñecidos, no ano 2018, co Selo de Patrimonio Europeo.
A mostra contará con réplicas de traxes de nais do século XIX, con tecidos feitos na casa en teares de baixo lizo, cando aínda abondaban o liño e a lá, e tamén panos, sedanas, veludos, agremáns feitos á man e, sobre todo, picote, candil ou burel. Vestidos de cando as primeiras máquinas de coser aparecían polas vilas e aldeas da provincia de Lugo da man daquelas costureiras que ían polas casas introducindo a modernidade nos fogares, combinando cores, texturas e debuxos de delicada e sobria elegancia.
Mostraranse pezas rescatadas das huchas das llas e netas daquelas mulleres que gardaban as súas mellores roupas para lucir os días de feira, ir á misa, dominguear ou casar. Trátase, polo tanto, das mellores prendas que tiñan no armario, e un homenaxe á muller lucense.
A exposición constará de maniquíes con pezas seleccionadas entre as moitas vestimentas documentadas ou recollidas en diversas casas da provincia de Lugo. En concreto, nos concellos de Baleira, A Fonsagrada, Castroverde, O Corgo, Sarria, Portomarín ou Guntín, entre outras localidades.
A mostra complétase con mandís de mostra, mantelas ou lensas que cobren a saia, os refaixos bordados á man, camisas de liño de corte recto, para aproveitar os anchos do tear e mantillos de gala, mandís de traballo, panos de peito, de cabeza, toucas de pelo de cabra e mantóns de lá feitos no val de San Lourenzo.
Para elo, recuperáronse os patróns de época, a forma da confección e os tecidos, sempre baseándose en pezas mestras antigas, documentos gráficos ou informacións recollidas tras moitas conversas con persoas maiores.
Co fin de que os visitantes podan coñecer as características de cada peza exposta, as mesmas están documentadas, e levan asociado un cartel explicativo.