Monforte de Lemos, 21 de maio de 2021. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mantivo este venres un encontro co Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, no marco da Feira Internacional de Turismo (FITUR). A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade centrou a xuntanza entre ambos, que, logo da presentación do Pasaporte Verde Covid, percorreron xuntos diferentes expositores de FITUR. Durante o percorrido, no que visitaron os postos de Paradores e o da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (RDTI), Sánchez amosou o seu respaldo á campaña que comezou a impulsar no 2011 a institución provincial para que este territorio reciba o recoñecemento da UNESCO.
Na comitiva participaron tamén as ministras de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, e de Sanidade, Carolina Darias, así como diferentes alcaldes da provincia. O Presidente da Deputación tamén tivo ocasión de compartir impresións co Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.
José Tomé asistiu a FITUR xunto á Deputada de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, e tamén xunto á 1ª Tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, onde mantiveron unha intensa axenda de reunións e actividades ao longo das dúas xornadas con tres obxectivos fundamentais: a promoción da provincia a través dun turismo de calidade, sostible e non masificado coas diferentes rutas xacobeas que percorren Lugo como eixo central, o establecemento de contactos con representantes institucionais e profesionais vinculados ao sector para acadar maior visibilidade e a detección de tendencias dos viaxeiros e novas oportunidades no contexto xerado pola pandemia da Covid-19.
Os responsables provinciais participaron, ademais de no acto da campaña da Deputación Lugo, la provincia es tu Camino, na campaña da Mancomunidade da Mariña lucense Vuelve a encontrar el norte. Visita A Mariña. Tomé Roca e García Porto asistiron tamén a presentación de Lugo, cidade viva, do Concello de Lugo; ao acto da campaña do Clúster Turismo de Galicia; á presentación dunha nova edición do Salón Xantar; ao acto da campaña da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl); á presentación de Termatalia; á presentación do xeodestino Terras de Burón; ao acto da campaña do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra; e á presentación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
O mandatario provincial tivo, entre outras, xuntanzas co Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, co presidente de Paradores, Óscar López Águeda, e co presidente de Correos, Juan Manuel Serrano.
Como Alcalde de Monforte, tamén asistiu á presentación das etapas que acollerá Galicia da Vuelta Ciclista a España, e na que Monforte de Lemos será final de etapa o 3 de setembro; e mantivo reunións cos responsables da Asociación Castillos y Palacios de España e da Red de Juderías de España, ás que pertence o Concello de Monforte de Lemos.