Monforte de Lemos, 30 de xuño de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de comunicar que dende as 18:00 horas de mañá xovrd 1 de xullo, monfortinos e visitantes xa poden disfrutar dos tradicionais paseos en barca polo río Cabe.
Deste xeito, do 1 de xullo ó 30 de setembro de 2020 o río Cabe será escenario dunha interesante e ó mesmo tempo divertida e refrescante proposta no verán da cidade.
Este ano coma novidade, o Concello estrea 2 embarcacións novas que foron feitas ex profeso para esta actividade, que se engaden ás 4 barcas xa existentes.
Ademais, o Concello ven de renovar o embarcadoiro do Parque dos Condes, que é o lugar dende onde saen os paseos en barcas, destinando para elo unha inversión de 19.662,50 €, mellora que foi levada a cabo pola empresa Grupo Eurored SL.
O Alcalde salienta que dende o Equipo de Goberno determinamos manter esta actividade, pese a que segue presente a incidencia do Coronavirus, porque “é unha tradición que mantemos no Concello dende hai anos, e que permite gozar dunha perspectiva diferente da nosa cidade e que soamente é posible ter dende o río”.
Dende o Equipo de Goberno, tendo en conta as recomendacións das autoridade sanitarias ante a crise do COVID-19 dentro do estado actual de Transición cara a Nova Normalidade, establécense unha serie de normas de seguridade e hixiene para a utilización das barcas:
- É obrigatorio o uso de mascarillas sanitarias.
- A capacidade máxima das barcas será determinada polo encargado do servizo.
- Os usuarios contarán con chalecos salvavidas se son solicitados.
- O encargado do servicio establecerá distancias de seguridade no caso de ser necesario.
“Os paseos en barca polo río Cabe”, continúa o Alcalde, “xa son durante os meses de verán un referente na programación cultural da cidade e un grande foco de atracción para a poboación local e para moitas persoas que nos visitan nesta época”.
O Club de Montaña e Piragüismo Quixós encárgase da xestión desta actividade, tanto do mantemento e condución das barcas como dos cobros e atención ós pasaxeiros.
Como é tradición, o punto de inicio dos percorridos será o embarcadoiro do Parque dos Condes e cada paseo, dunha duración de media hora, custará 3,25 euros como en anos anteriores.
Estas pequenas travesías en barca poderán facerse nos seguintes horarios:
- Luns a venres, entre as 18:00 e as 22:00 horas
- Fins de semana e festivos: tamén en horario de mañá desde as 11:00 e ata as 14:00 horas e pola tarde de 18:00 a 22:00 horas.
“Hai diversos aspectos que contribúen a que este evento sexa moi significativo dentro da actividades culturais de verán en Monforte: a súa relevancia na recuperación do río Cabe e o seu contorno como elemento patrimonial de primeira orde en Monforte, o seu papel de acontecemento dinamizador de actividade a carón do río e o fomento que a actividade supón para manter vivo en xeracións de todas as idades o amor pola rica tradición fluvial local en particular e galega en xeral”, conclúe o Alcalde.
Mellora do embarcadoiro do Parque dos Condes
Do mesmo xeito, nestes días o Concello levou a cabo as obras de reparación do embarcadoiro sobre o río Cabe no Parque dos Condes, actuación englobada dentro do programa de mellora planificadas polo Equipo de Goberno para as infraestruturas da cidade.
O Alcalde sinala que “decidimos acometer esta obra de reparación do embarcadoiro ubicado no río Cabe, á altura do Parque dos Condes debido ó estado de deterioro no que se atopaba a súa plataforma e dado que se trata dun pantalán no que o seu uso aumenta nos meses de verán.”
As actuacións de reparación deste embarcadoiro foron desenvoltas pola empresa Grupo Eurored SL, cun orzamento de 19.662,50 euros. En concreto, as obras de mellora consistiron na substitución das táboas en mal estado existentes por outras en material de “composite”, sobre unha superficie aproximada de 70 m2.
Do mesmo xeito, tamén se substituiron 5 flotadores desta estrutura, co obxectivo de reforzala, de acordo coas súas necesidades de uso.