O Concello pon en valor o tecido empresarial e a oferta turística de Monforte e a Ribeira Sacra a través dun documental

Monforte de Lemos, 23 de xullo de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, foi o encargado de introducir a estrea do documental “Monforte de Lemos, Vía Sacra”, unha peza audiovisual na que o Concello monfortino levaba tempo traballando, en colaboración coa produtora Xurdir, e coa participación de diversas empresas monfortinas.

A proxección deste documental tivo lugar na Praza da Compañía de Monforte, e contou coa asistencia de preto de 300 invitados, entre os que se atopaban gran parte da Corporación Municipal así como empresarios e veciños de Monforte.

Ademais da intervención do Alcalde monfortino, tamén participou no acto previo á proxección do documental, o director do mesmo, Ignacio Seijo.

Baixo o título de “Monforte de Lemos, Vía Sacra”, trátase dun documental en formato cine, co que, en verbas do Alcalde, “quixemos acadar un dobre obxectivo: amosar o potencial patrimonial, cultural, gastronómico, etnográfico e artístico de Monforte de Lemos e da Ribeira Sacra.  E poñer en valor a actividade económica, a industria e o tecido empresarial de Monforte de Lemos, especialmente nun momento no que a incidencia da Covid-19  segue a estar moi presente na nosa sociedade, e afectando de cheo ós nosos sectores produtivos”.

Deste xeito, o documental recolle unha escolma de 22 proxectos empresariais monfortinos, que son os protagonistas desta película, servindo de mostra representativa da actividade económica do Concello monfortino.

Neste senso o rexedor municipal agradece a “a colaboración destas empresas que quixeron formar parte deste proxecto, e copatrocinar xunto co Concello, este documental. Nel, imos visibilizar o esforzo, o traballo e a ilusión  que os  empresarios e empresarias desta terra, adican no seu día a día”.

“Da mesma forma”, aclara o Alcalde “a través do documental podemos coñecer as historias persoais que hai detrás destas 22 empresas, pois o documental reflexa a cara humana do empresariado monfortino. Descubriremos datos, anécdotas e peculiaridades deles, que ben seguro servirán para afondar nun maior coñecemento e recoñecemento dos nosos emprendedores e das nosas emprendedoras”.

 

Recoñecemento ó tecido empresarial e apoio durante a crise da Covid

José Tomé tamén destacou “que era moi importante facer un recoñecemento como o que facemos hoxe, ós nosos sectores produtivos, porque o impacto da pandemia supuxo un duro golpe para a súa actividade, e penso que este documental axudará na súa recuperación”.

O Alcalde manifestou o compromiso do Equipo de Goberno ós sectores produtivos monfortinos: “somos moi conscientes das necesidades dos nosos sectores produtivos, e quero trasladarvos que seguiredes contando co noso apoio nestes tempos de dificultades polos que estamos a pasar”.

Neste senso, o rexedor municipal recordou que o dende o inicio da crise da Covid-19, o Concello destinou 1.2 millóns de euros en axudas ós sectores empresariais, o que representa un 8,5% do orzamento municipal, “porcentaxe que no temos noticia que haxa alcanzado proporcionalmente ningunha outra administración.”

 

Deste xeito, “este documental supón un novo elemento de apoio e unha nova ferramenta de difusión e promoción das nosas principais sinais de identidade. Amosa todo o potencial que temos como cidade, e resalta o esforzo persoal e a profesionalidade dos nosos empresarios”.

O Alcalde concluíu salientado que “dende o Concello queremos seguir promocionando e poñendo en valor ás nosas empresas, á Ribeira Sacra e, por suposto, promocionar tamén a Monforte”.

Tras a emisión do documental, que ten unha duración de 1 hora e 18 minutos,  tivo lugar a actuación musical da artista monfortina Rosa Cedrón, que deleitou ós asistentes con varias pezas do seu repertorio e que foi o colofón da estrea deste significativo documental.

 

O documental pode verse a través do seguinte enlace.