31 de maio de 2018. O Alcalde, José Tomé Roca, reuniuse hoxe co Fundador e Presidente do Grupo Indukern, José Luis Díaz-Varela, que naceu en Monforte de Lemos.
O mandatario local convidou, hai xa varios meses, ó empresario a visitar a súa cidade natal e ámbolos dous mantiveron un encontro na Casa Consistorial: “dende hai máis dun ano, veño mantendo diferentes contactos co Presidente do Grupo Indukern dun xeito moi discreto e persoal, que finalmente culminaron con esta primeira visita a Monforte. Hoxe, ademais de falar das raíces de José Luis, tamén aproveitamos para analizar a situación económica do Concello de Monforte e as súas posibles potencialidades”, explicou José Tomé.
O rexedor engadiu que “durante a nosa conversa, manifestamos a nosa vontade de seguir mantendo contacto, tanto telefónico como persoal. De feito, temos previsto concretar unha próxima visita miña a Barcelona, e posteriormente, José Luis Díaz-Varela trasladarase novamente á cidade do Cabe”.
Durante o encontro, ámbolos dous analizaron as posibilidades de que o Grupo Indukern, presidido polo monfortino José Luis Díaz-Varela, puidese poñer en marcha algún proxecto empresarial na nosa cidade: “foi unha primeira toma de contacto pero haberá que seguir analizando os diferentes parámetros que puideran posibilitar unha liña de negocio das empresas que integran este grupo dedicado á industria química”.
Contactos do Alcalde con empresas
Como vén sendo habitual, o Alcalde mantén contactos con diferentes grupos empresariais para trasladarlles as potencialidades de Monforte de cara á implantación de empresas. “Hai que ter en conta que o noso Concello é un epicentro de comunicacións, tanto a través do ferrocarril como por estradas”, detalla José Tomé Roca, “e esta situación vaise ver mellorada no futuro cando o eixo transeuropeo de mercadorías sexa unha realidade, o denominado Eixo Atlántico de Mercadorías, e tamén pola Autovía A76, Ponferrada-Monforte-Ourense; todo isto vai situar a Monforte como un nó de comunicacións, e polo tanto, un lugar estratéxico para a implantación de empresas”.
Actualmente, o Grupo Indukern é un grupo de empresas multinacionais españolas que aúna a Indukern, o laboratorio veterinario Calier e a farmacéutica Kern Pharma.