O Alcalde da a coñecer o vídeo e o cartel da XVIII edición da Feira Medieval de Monforte

Monforte de Lemos, 9 de marzo de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe a campaña promocional da décimo oitava edición da Feira Medieval de Monforte, un evento que se celebrará os vindeiros 16 e 17 de abril, dando a coñecer o deseño do cartel e do vídeo oficiais do que é un dos eventos máis importantes do calendario anual do Concello. Durante a roda de prensa o rexedor estivo acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón.

José Tomé resaltou que tras dous anos de parón pola Covid-19 “que alterou as nosas tradicións e a celebración de eventos tan importantes como o Festival do Viño, as Festas Patronais, ou a propia Feira Medieval, agora é o momento de ir dando a coñecer todo o que rodea á Feira Medieval, que celebraremos, o sábado e domingo de Semana Santa, é dicir, o 16 e 17 de abril de 2022”.

Para elo, o Alcalde anunciou o desenvolvemento dunha campaña de promoción “igual de intensa que a que fixemos no ano 2019 para que a xente poida incluír a Feira Medieval dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións de Semana Santa, que veñan a Monforte”, campaña que se sustentará nos dous elementos antes mencionados.

 

Cartel oficial que recolle elementos claves do pasado medieval monfortino

O cartel da XVIII edición da Feira Medieval de Monforte, foi deseñado polo monfortino José Antonio Quiroga.

No seu deseño conxuga varios elementos que para o Equipo de Goberno son claramente centrais da feira, como a TAU, ou a Porta Nova da Muralla Medieval.

E ademais, incorpora a presenza dunha figura feminina, “unha muller que transmite toda a forza e valentía coa que volvemos a recuperar esta Feira Medieval, e que conecta cos actos que estamos celebrando arredor do 8M Día Internacional da Muller”, explicou o rexedor monfortino.

 

O vídeo que anuncia a recuperación da Feira Medieval

O Alcalde recordou que o pasado ano, no que non se puido celebrar este evento por mor do Coronavirus, o Concello elaborara un vídeo con actores galegos que recorrían diferentes condados de Galicia, para avisar de que en 2021 non habería Feira Medieval, pero prometendo que, se as circunstancias se daban, si a habería en 2022.

Deste xeito o vídeo promocional para este 18ª edición da Feira Medieval da resposta a esa promesa, e con el “queremos celebrar a volta da Feira Medieval e celebrar un anaco desa normalidade que se nos arrebatou fai xa un par de anos. Dende o Concello entendemos que celebrar a vida, celebrar a Feira é o que toca agora, porque tal e como destaca o audiovisual "toca vibrar como lume da noite a arder xuntos", subliñou José Tomé.

A proposta audiovisual que presentou o rexedor monfortino é unha peza producida por Amanita Studio, empresa monfortina, e conta coa voz da poetisa de Salcedo (A Pobra do Brollón) Noa Moreira e a banda sonora do compositor monfortino Fabio Gonzalez.

“A nosa proposta”, explicou o Alcalde, “céntrase nunha música melódica que acompaña en todo momento esa sensación de calidez que quixemos acadar co vídeo. A música emociona de moitas maneiras diferentes e este ano quixemos que fora un acompañamento sensorial e emotivo que viaxara co espectador durante todo o vídeo, para facer que entrase nunha especie de trance armonioso. A voz da poetisa Noa Moreira, co seu ton solemne pero afable, axuda a crear esa sensación e a introducirnos na Feira Medieval”.

Un vídeo no que os protagonistas son os monfortinos e monfortinas que participaron en pasadas edicións da Feira, polo que esta é “unha proposta adicada ás persoas, que son a esperanza nestes duros momentos, e que son a razón principal pola que cada ano melloramos a Feira Medieval e a convertemos nunha das celebracións máis esperadas do ano, tanto en Monforte como na Ribeira Sacra”.

O Alcalde anunciou, unha vez presentado o vídeo, a súa circulación polas redes sociais e a páxina web do Concello, a súa proxección no MUPI do Cardenal,  así como en diferentes soportes dixitais, para acadar a máxima difusión posible deste evento.

O vídeo pódese ver en: https://youtu.be/jGWBGvGUmhU

 

Preparación intensa da Feira Medieval

Na súa intervención, o Alcalde tamén explicou que o Equipo de Goberno leva tempo xa  preparando esta edición de recuperación da Feira Medieval, mantendo contactos e reunións preparatorias con asociacións culturais e colectivos, comerciantes, artesáns e hostaleiros, para coa axuda de todos eles ir compoñendo o programa do que vai ser a XVIII Feira Medieval de Monforte.

“Boa mostra de que o traballo de promoción que vimos facendo da bos resultados é que temos máis de 100 solicitudes, 103 en concreto, para a instalación de postos, o que supón un número moi alto en relación con outros eventos doutras cidades en época de post-pandemia” destacou o Alcalde. “Isto pon de manifesto que a Feira Medieval de Monforte sigue sendo un referente dentro do calendario de eventos de Galicia, que interesa participar nela e que polo tanto, estou seguro de que se seguirá consolidando cada vez máis”.

 

Presentación do programa oficial durante o Mercado Medieval

O terceiro elemento de promoción da Feira Medieval será Programa Oficial, que será dado a coñecer durante a inauguración do Mercado Medieval, que terá lugar o 26 e 27 de marzo na Praza de Abastos, “mercado co que queremos animar ás ventas relacionadas con produtos relacionados coa Feira Medieval”.

O Alcalde concluíu a súa intervención destacando que “tal e como me comprometín dende principios de ano, seguimos traballando para recuperar a normalidade en Monforte de Lemos, e para volver a celebrar con todo o seu esplendor a nosa Feira Medieval, que tamén vai supoñer unha importante inxección económica para a nosa hostalería, o noso comercio e o noso turismo”.

E tamén anunciou que “con esta edición número 18, xa só quedan días para acadar as 20 edicións para que se recoñeza a condición de Feira de Interese Turístico de Galicia”.