Monforte de Lemos, 29 de xullo de 2022. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este venres na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro a mostra Cegasal, unha asociación de persoas para as persoas, unha exposición itinerante imaxes realizadas polo fotógrafo coruñés Diego Silva ao longo de dous anos e que impulsa a institución provincial e a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal).
José Tomé estivo acompañado no acto pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón; o Concelleiro de Servizos e Obras, José Luis Losada, e o presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez Freire.
“Hoxe presentamos e dámoslle a benvida a Monforte a esta exposición de fotografías, que impulsamos co obxectivo de recoñecer e de poñer en valor o traballo que desenvolven as persoas con discapacidade nas empresas”, explicou o Presidente, quen destacou a importancia de iniciativas coma esta para “lograr unha inclusión plena das persoas con discapacidade e lograr a súa inserción laboral en igualdade de condicións”. Por iso, engadiu, esta exposición “fomenta a sensibilización e a concienciación sobre esta realidade”, lembrando que en Monforte está un dos 35 centros especiais de emprego que Cegasal ten na provincia de Lugo.
A Casa da Cultura monfortina acollerá ata o 10 de agosto esta exposición que xa estivo instalada en Vilalba e Viveiro e que pasará tamén polos concellos de Sarria, Foz e Lugo ata o mes de setembro. Coincidindo coa última parada da colección, que terá lugar no Pazo de San Marcos, haberá unha xornada de formación sobre os Centros Especiais de Emprego que será aberta á cidadanía.
“Xunto co valor artístico da exposición, penso que esta iniciativa debe facernos reflexionar sobre unha realidade que debe deixar de ser excepcional, para consolidarse con naturalidade como parte do noso día a día”, valorou o Presidente.
Así mesmo recordou que Cegasal celebrou o 25 aniversario o pasado ano con máis de 1.800 traballadores e traballadoras integrados, “cifras que demostran claramente que a inserción laboral é só cuestión de vontade, porque calquera persoa con diversidade funcional pode atopar un traballo á medida das súas capacidades”.
“Como Alcalde e como Presidente da Deputación, considero que as administracións temos a obriga de impulsar este proceso e de colaborar coas asociacións que axudan a implantalo, e, de feito, así o estamos facendo dende o Concello de Monforte e dende a institución provincial, situando as políticas sociais como piar da nosa acción de Goberno”, defendeu o mandatario provincial.
Cegasal
Cegasal é unha organización que se constituíu en Galicia en 1997 co obxectivo de fomentar o emprego de calidade para as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social. Agora mesmo, a entidade conta con 35 centros especiais de emprego asociados, isto é, empresas de titularidade privada nas que polo menos o 70% do cadro de persoal está conformado por traballadores e traballadoras con discapacidade. No seu conxunto facturan uns 44M€ anuais.
Na provincia de Lugo, Cegasal conta con dous centros especiais de emprego, Grafinco e Produtores de Carne da Ribeira Sacra, que dan emprego a preto dunha vintena de persoas con capacidades diferentes.