Monforte de Lemos, 15 de agosto de 2022. Na mañá de hoxe, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, encabezando a comitiva institucional, participou nos actos litúrxicos de honra á Patroa da cidade, a Virxe de Montserrat, no día grande das Festas Patronais da cidade.
Deste xeito, a comitiva oficial encabezada polo Alcalde e formada por diversos membros da Corporación Municipal, así como por representantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, isto é, Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local, así como diversas autoridades de índole local, galego e nacional, partiu ás 10:45 horas da Praza do Concello, como é tradición, para dirixirse á igrexa da Régoa, acompañados polo Grupo de Baile Tradicional e a Banda de Gaitas do Concello de Monforte.
A tradición tamén marca que esta celebración na honra da Patroa de Monforte se celebre na igrexa de San Vicente, pero as obras de restauración que se están levando a cabo nela, fixeron que os actos litúrxicos do 15 de agosto se trasladasen á igrexa da Régoa.
A chegada da comitiva oficial á igrexa da Régoa tivo lugar ás 11 horas; o párroco D. Rafael recibiu ó rexedor municipal e, tras elo, iniciouse a eucaristía na honra da Patroa de Monforte, a Virxe de Montserrat.
Deste xeito, tras a eucaristía, que foi cantada pola Coral Polifónica do Concello de Monforte, celebrouse, no atrio da igrexa, unha ofrenda floral na que o Alcalde de Monforte depositou flores ante a Virxe. Tras el, fixérono o resto de membros da Corporación Municipal e demais autoridades presentes, e deseguido, todos aqueles veciños e visitantes que quixeron render sentida homenaxe á Virxe.
Tras elo, o Grupo de Baile Tradicional, ó son da Banda de Gaitas do Concello de Monforte, executaron diversas pezas de danza diante da Virxe. Tras elo, concluíron os actos de honra á Virxe.
O prato forte no programa das Festas Patronais do día de hoxe serán os Fogos de San Vicente, que terán lugar esta noite ás 12 horas, e o concerto de Ana Mena, que terá lugar tras os Fogos, as 00:30 na praza da Compañía.