Monforte de Lemos, 14 de setembro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo Delegado Territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, deu a coñecer o deseño do Cupón que a Organización Nacional de Ciegos Españoles adica á romaría do San Mateo e que sairá a venta dende hoxe mesmo, cunha tirada de 5 millóns de cupóns para toda España. Na presentación, tamén estiveron presentes a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e Directora da axencia da ONCE en Lugo, Eva Lorente Arnás.
A Romaría de San Mateo ten lugar cada ano o 21 de setembro e trátase dunha festa popular que conta cada ano con milleiros de participantes e que se celebra na parroquia monfortina de A Parte.
“Con motivo desta celebración”, explicou o Alcalde “a ONCE e Concello de Monforte traballamos no deseño dun cupón dedicado a esta Romaría de San Mateo, que se sorteará o vindeiro martes, 20 de setembro de 2022, un día antes da celebración de dito evento”.
San Mateo, protagonista do cupón
No deseño do Cupón, a protagonista é a imaxe do santo, do San Mateo, da igrexa da Parroquia de Santa María de A Parte, a cal pertence a Diocese de Lugo. Xunto a ela, tamén foi incluído o escudo do Concello de Monforte.
“Neste senso, teño que agradecer a esta Diocese, e en concreto, ó Delegado Episcopal de Liturxia, Relixiosidade Popular e Patrimonio Histórico Artístico, D. José Antonio Ferreiro Varela, que nos facilitara os permisos necesarios para poder realizar a fotografía que protagoniza este cupón”, sinalou José Tomé.
“Tamén agradecemos as facilidades dadas polo párroco desta parroquia, D. José Luis Vázquez Coego, á hora de levar a cabo a sesión fotográfica”.
Promoción de Monforte e do San Mateo en toda España
O Alcalde tamén subliñou a importancia publicitaria que esta iniciativa terá para o Concello e para a propia romaría, pois “cando salga a venta o cupón adicado a esta romaría de San Mateo, Monforte de Lemos, a Ribeira Sacra e o sur da provincia de Lugo contarán cun importante elemento de promoción e de difusión en toda España”. Os 5 millóns de cupóns que están á venta dende hoxe permitirán que este evento que forma parte da tradición monfortina sexa coñecido en todo o territorio español.
Por todo elo, José Tomé reiterou o “agradecemento á ONCE por render homenaxe a unha das nosas romarías máis senlleiras e dala a coñecer en toda España a través deste cupón. E desexar que o sorteo toque en Monforte, porque iso xa sería unha noticia que nos enchería de alegría”.
Pola súa banda, o Delegado Territorial da ONCE en Galicia agradeceu ó Alcalde “a acollida en Monforte deste proxecto e que favorecera o deseño deste cupón”.
“A ONCE, engadiu Manuel Martínez, “súmase á promoción e á posta en valor do patrimonio cultural e da tradición dunha romaría tan relevante como o é a romaría de San Mateo”.
O cupón é “a mellor tarxeta de presentación social” da ONCE xa que leva “máis de 80 anos, dende 1938, xerando a través del oportunidades de vida para persoas con discapacidade. O cupón é símbolo de inclusión”.
José Tomé rematou a súa intervención reiterando o “agradecemento á ONCE por render homenaxe a unha das nosas romarías máis senlleiras, a do San Mateo, e dala a coñecer en toda España a través deste cupón. E desexar que o sorteo toque en Monforte, porque iso xa sería unha noticia que nos enchería de alegría”.