Monforte de Lemos, 21 de setembro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, visitou na mañá de hoxe o inicio dos traballos de construción do novo pilar da ponte de Piñeira, unha vez rematados os informes técnicos e determinados os traballos necesarios para levar a cabo a reposición de dito pilar.
Na visita, o rexedor monfortino deu a coñecer os traballos previstos para levar a cabo a reposición do seu pilar nº2, logo de que esta estrutura fora pechada ó tráfico e ós peatóns a finais do pasado mes de xuño, tras detectarse unha deficiencia en dito pilar.
O pasado mes de xuño, tras detectar o Concello deficiencias neste pilar da ponte de Piñeira que podían poñer en perigo ós seus usuarios, o Alcalde decidiu decretar o seu peche, tanto ó tráfico de peatóns como de vehículos, co obxecto de levar a cabo os estudos pertinentes encamiñados a analizar polo miúdo a deficiencia do pilar, así como revisar o seu estado xeral, para proceder á súa reparación.
“Tras seren executados os correspondentes traballos de enxeñería a cargo da empresa Extraco e do director de obra designado polo Concello, traballos necesarios para determinar a situación do pilar da ponte e para darlle unha solución á deficiencia detectada, nos próximos 5 días levarase a cabo a colocación de micropilotes nunha profundidade de 9 metros para estabilizar o terreo e proceder á construción do novo pilar”, subliñou o Alcalde.
O rexedor monfortino tamén anunciou que os traballos estarán rematados na súa totalidade, si as circunstancias do tempo o permiten, aproximadamente a finais do mes de outubro.
Dado que as obras son contratadas por emerxencia, o custe das actuacións estímase segundo os técnicos, en 200.000 euros máis ive, o que ascenderá a 242.000 euros aproximadamente.
-”Unha vez estean rematadas as obras de arranxe da ponte de Piñeira”, concluíu o Alcalde, procederemos ó restablecemento do tráfico de vehículos e de persoas, previsiblemente en novembro, unha vez que estea endurecido o novo pilar”.
Diagnose do estado do pilar da ponte
Deste xeito, os traballos de enxeñería mencionados polo Alcalde, comprenderon a inspección da ponte, así como o levantamento topográfico do cauce, a elaboración dun estudo hidrolóxico, a emisión dun informe xeotécnico e o correspondente proxecto técnico da reconstrución do pilar afectado.
En concreto, os informes emitidos indican que se produciu un descalce da cimentación que provocou un asento e un xiro do pilar, que tivo como consecuencia a perda de apoio entre o taboleiro e dito pilar.
Esta perda de apoio “obrigou ó corte da vía, xa que o vano resultante conta co dobre de luz que os vanos iniciais, non tendo a capacidade estrutural necesaria para soportar as cargas do tráfico, nin estando garantida a capacidade estrutural baixo o propio peso”, indica o informe.
Traballos de reposición do pilar
Unha vez analizada a situación da ponte e emitidos os pertinentes informes, trala revisión de estrutura e coa conformidade das administracións autonómica e do Estado, competentes na materia, os traballos que se están a levar a cabo para a reparación da ponte son os seguintes.
1.- Desvío do cauce a través dos vanos da marxe esquerda do río Cabe:
Para elo execútanse as seguintes accións:
- Colocación de barreiras antiturbidez
- Desbroce das marxes.
- Retirada de material existente na marxe esquerda para a recuperación do ancho orixinal, alcanzando a capacidade necesaria para o desvío.
- Formación de camiño de acceso a través da área recreativa.
2.- Formación de plataforma de traballo, con recheo de escollera:
A construción desta plataforma é necesaria para:
- Apeo do correspondente taboleiro.
- Execución dos sondeos necesarios para a caracterización do solo, para a elección da solución máis axeitada para as condicións da cimentación co obxecto de reconstruír o pilar.
3.- Colocación de cimbra de apeo do taboleiro:
Esta colocación lévase a cabo en dous puntos situados antes e despois do pilar dúas, co que se permitirá a execución dos traballos necesarios para a reconstrución do pilar afectado.
4.- Execución da cimentación profunda mediante micropilotes e encepado, nunha profundidade de 9 metros para estabilizar o terreo, sobre a que se construirá de novo o pilar, coa mesma forma dos pilares existentes.
5.-Reposición ao estado inicial do cauce do río Cabe:
Unha vez levada a cabo a cimentación profunda do pilar, procederase á:
- Retirada da delimitación do canal de derivación da marxe esquerda
- Retirada da cimbra
- Retirada da escollera da marxe dereita
- Restauración do cauce do río.
- Restauración da zona de acceso á ponte, de persoas e vehículos.