Monforte de Lemos, 4 de outubro de 2022. O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no segundo semestre do ano 2022, con unha nova peza teatral.
Deste xeito, dentro do Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta, este xoves 6 de outubro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos El caballero incierto, da compañía Producciones Come y Calla, obra escrita por Laila Ripoll, dirixida por Alberto Castrillo Ferrer e José Recuenco e interpretada por Silvia de Pé.
É unha obra dirixida a público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.
Sinopse
Na excelente novela A carne de Rosa Montero escóndese unha pequena xoia. Trátase da historia imaxinaria de Josefina Aznárez, personaxe maiúsculo, apaisonante, máxico, deses que aparecen raras veces, pero que se quedan cravados para sempre.
Josefina é un personaxe maldito, unha invención desgarrada e dolorosa da condición de ser muller. Esa muller ben podería ser Hildegarda de Bingen, María Lejárraga ou George Sand.
O seu destino crúzase un 3 de novembro de 1893 coa explosión e posterior traxedia do vapor "Cabo Machichaco". Dende este momento é Laila Ripoll quen escribe este monólogo. Josefina entra nas sombras e desaparece para converterse nunha pantasma, en mito, en carne de escenario. Para non desaparecer nunca.
Este cabaleiro incerto é unha homenaxe a esas mulleres valentes, silenciadas e esquecidas.
A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Morgana en Esmelle da compañía Sarabela Teatro que terá lugar o xoves 27 de outubro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.