Monforte de Lemos, 4 de outubro de 2022. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, participou na mañá de hoxe nos actos conmemorativos do Día da Policía Nacional, festividade dos Santos Anxos Custodios.
O rexedor monfortino presidiu os actos litúrxicos e institucionais xunto á Inspectora Xefa, Xefa da Comisaría de Policía, Mª Mónica Gutiérrez González, a Xuíza Decana dos Xulgados de Instrución de Monforte, Mónica Ferreiro Quintás.
Ademais, tamén asistiron o fiscal dos Xulgados de Monforte, o Capitán da Garda Civil, o Xefe do Destacamento de Tráfico, o Xefe da Policía Local, o Xefe de bombeiros, así como inspectores, subinspectores, funcionarios de xestión, e inspectores xefe xubilados. Polo Concello monfortino tamén acudiron a Primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, así como o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada.
Os actos con motivo do Día da Policía Nacional deron comezo ás 12.00 horas, coa celebración litúrxica da festividade dos Santos Anxos Custodios na igrexa da Régoa, na que o Alcalde e a Inspectora Xefa da Comisaría de Monforte fixeron unha ofrenda ós caídos mediante a colocación dunha coroa de loureiro ó Santo Anxo.
Acto institucional no Centro do Viño
O Centro do Viño acolleu o acto institucional, no que foron impostas condecoracións a diversos funcionarios e entregáronse diplomas de recoñecemento e de colaboración institucional a diversos organismos.
A mesa presidencial estivo composta polo Alcalde de Monforte, a Inspectora Xefa, Xefa da Comisaría de Policía e a Xuíza Decana dos Xulgados de Instrución de Monforte.
En concreto, impúxose a Cruz do Mérito Policial con Distintivo Blanco ós policías José Manuel Gavieiro Fernández e Víctor Losada Arias.
A continuación, tivo lugar o acto de recoñecemento doutras administracións e da colaboración institucional, mediante a entrega de diplomas.
O Alcalde entregou o diploma de recoñecemento ó Parque de Bombeiros da cidade, que foi recollido polo xefe de bombeiros, Tomás Losada, “pola súa disposición e gran vontade de cooperación e colaboración con quen esta Comisaría desenvolveu algúns dos servizos de emerxencia máis importantes e significativos para monfortinos”.
A Oficina do DNI e Estranxeiría da Comisaría de Monforte e á Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, foron as outras dúas entidades homenaxeadas neste acto.
O Alcalde pechou o acto cunha intervención na que destacou “a inestimable labor deste corpo de Policía no día a día da nosa cidade, que sen dúbida, é unha labor decisiva para garantir a seguridade e a boa convivencia da nosa sociedade”.
Tamén, o Alcalde felicitou á Policía Nacional monfortina “polo excelente traballo desenvolto durante a celebración das pasadas Festas Patronais”.
Neste senso, incidiu o Alcalde, “a cooperación existente entre os axentes e mandos da Policía Nacional e da Policía Municipal de Monforte, quero salientar que é unha cooperación estreita, solidaria e moi eficaz, polo que quero reiterar o noso agradecemento dende o Concello por este bo facer, e desexar que esta colaboración siga sendo exemplar”.
O mandatario monfortino concluíu desexando que as condicións na prestación do servizo sexan as mellores posibles, e recordou que “fixen todo o posible para que Monforte teña a Comisaría de Policía que se merece. O edificio para albergala xa está cedido, e agora están a piques de levarse a cabo obras necesarias para facer realidade o desexo de todos, que é ter unha nova Comisaría en Monforte, xa que dende o Concello demos a licencia e solo depende da Dirección Xeral”.
Tamén anuncio o mandatario municipal que “imos dotar á Comisaría dun desfribilador, que vai ser facilitado pola Deputación Provincial de Lugo, polo que en curto espazo de tempo, a Comisaría monfortina vai estar cardioprotexida”.
Tras os actos Institucionais, a xornada rematou coa celebración dun viño español.