O Alcalde supervisa o asfaltado da rúa Rof Codina

Monforte de Lemos, 4 de outubro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, supervisou na mañá de hoxe as obras de asfaltado da rúa Rof Codina.

O Alcalde sinalou que “actuación supón xa un paso importante de cara o remate das obras desta rúa Rof Codina e da Zona C”.

“A actuación na rúa Rof Codina, serve para completar o proxecto da Zona C, e por elo levouse a cabo a súa mellora dende a Avenida de Galicia ata a nova zona urbanizada, o cal supón tamén a súa ampliación, dende a Avenida de Galicia ata a rúa Cobas”, recordou José Tomé.

O asfaltado tanto da rúa Rof Codina como da súa ampliación, supón un avance moi significativo das actuacións nesta zona da cidade, polo que o Alcalde tamén anunciou que a previsión é que as obras da Zona C rematen a finais de outubro ou principios de novembro.

As actuacións de mellora na rúa Rof Codina, contaron cun orzamento de 163.398,41 euros (IVE engadido). Cabe recordar que o Concello actualmente está desenvolvendo as obras de urbanización e dotación de servizos en dita Zona C, logo de que fora adxudicado este proxecto construtivo á empresa Misturas Obras e Proxectos S.A. por un importe de algo máis de  915.000 euros (915.225,85€).

Así, xunto co asfaltado de Rof Codina, o Concello está avazando noutras obras complementarias da Zona C, como o remate do paseo da zona da Gardería Municipal, a dotación de céspede a todas as zonas verdes previstas ou a iluminación LED, “actuacións nas que se está a traballar a bo ritmo e que permitirán rematar as obras nas datas sinaladas”, subliñou José Tomé.

Situación previa da rúa Rof Codina

A rúa Rof Codina está situada no centro urbano da cidade de Monforte, moi próxima á ponte nova e ten a singularidade de que é unha rúa sen saída, característica que deixará de ter unha vez rematen as obras de mellora anunciadas polo Alcalde, quen sinalou que “o proxecto de urbanización da Zona C conleva a apertura dunha vía pública que dea saída á rúa Rof Codina, resolvéndose así o problema desta rúa sen saída”.

Na actualidade, esta rúa consta dunha calzada central e dúas beirarrúas peonís en ambos lados. A súa lonxitude é de 87 metros,  e conta cun ancho medio de 9,15 metros.

As súas beirarrúas peonís son moi estreitas, entre 1 e 1,15 metros, e a calzada consta dun carril central de dobre sentido, o que dificulta moitas veces a entrada e saída de vehículos, e aparcamentos a ambos lados. As beirarrúas son de baldosas con bordillo de formigón, e a calzada é de aglomerado asfáltico.

En canto ós servizos desta rúa Rof Codina, as redes de abastecemento e saneamento están renovadas pola súa marxe esquerda, pero están defectuosas na súa marxe dereita.

As instalacións de alumeado público, alta tensión e telecomunicacións son aéreas, polo que a través deste proxecto procederase ó seu soterramento, igual que na nova zona urbanizada.

Descrición técnica das actuacións de mellora en Rof Codina

As actuacións que o Concello de Monforte leva a cabo na rúa Rof Codina consisten, en primeiro lugar na demolición das beirarrúas actuais, así como ó fresado do aglomerado asfáltico da calzada.

Seguidamente realizaranse as gabias necesarias para as redes de abastecemento e de saneamento na marxe dereita, así como para o soterramento das redes de alumado público, baixa tensión e telecomunicacións.

Unha vez terminadas as redes de servizos xerais, procederase á colocación do bordillo de pedra en ambos lados da calzada, para a posterior colocación das baldosas de pedra das beirarrúas, sobre soleira de formigón.

Para rematar, renovarase o seu firme con aglomerado asfáltico en quente de 5 centímetros, e que unha vez secado, pintarase coas marcas viais correspondentes, colocaremos as sinais de tráfico determinadas no proxecto e instalaremos pilonas para evitar que os vehículos poidan subir ás beirarrúas peonís.

A calzada terá un ancho fixo de 3,50 metros e as beirarrúas terán anchos variables de entre 2,65 e 2,85 m., co cal levarase a cabo unha importante ampliación do espazo para uso peonil, humanizando deste xeito o conxunto da actuación, dende a Avenida de Galicia ata a rúa Cobas.

As beirarrúas van ter un firme de granito, semellante ó que se vai colocar no inicio da nova urbanización e no entorno da Gardería municipal, integrándose no conxunto da nova urbanización.

Ademais de aumentar significativamente as zonas peonís de dita rúa, renovaranse os servizos de abastecemento e saneamento, e levaremos a cabo o soterramento das redes de alumado público, baixa tensión e de telecomunicacións, así como o firme das beirarrúas. En ambos extremos da rúa, en pouco máis de 100 metros, habilitaranse dúas zonas de carga e descarga.

O Alcalde recorda que “todas as novas rúas, que son tres as relacionadas con este proxecto, serán de dirección única, e polo tanto é necesario que o inicio de Rof Codina tamén sexa de dirección única en sentido dende a Avenida de Galicia ata a rúa Cobas, mentres que a rúa que da acceso á Gardería Municipal terá un sentido de circulación como as agullas do reloxo, entrando dende a rúa Ourense e saída cara a rúa Cobas”.

Deste xeito, haberá unha circulación fluída, evitando entronques dificultosos e simplificando o tráfico o máis posible, dando unha solución semellante á travesía Veiguiña ou á rúa Germán Vázquez, o cal redunda na seguridade dos peóns.

 

AVANCE DAS OBRAS DA ZONA C

A principios de 2022, o Concello iniciou as actuacións encamiñadas a urbanizar e dotar de servizos á Zona C, que comprende os terreos ubicados entre a rúa Rof Codina e o barrio de Cobas.

O proxecto conta cunha axuda de 300.000 euros aportados pola Deputación de Lugo, sendo o resto do orzamento total aportado polo Concello monfortino. Este proxecto construtivo foi adxudicado á empresa Misturas Obras e Proxectos S.A. por un importe de 915.225,85 euros (IVE engadido).

O rexedor municipal recorda que “este proxecto vai cambiar a fisionomía da cidade de Monforte, poñendo en valor unha zona que estaba abandonada e que dende o punto de vista da mellora urbana, supón un salto cualitativo moi importante, porque con proxectos coma este, Monforte, vai seguir avanzando”.

-“O proxecto de urbanización da Zona C vai ser pioneiro en Monforte e en moitos outros concellos de Galicia, e a través del imos mellorar urbanisticamente unha zona sensible para a nosa cidade como é a contorna do río, a proximidade do conxunto monumental de Nosa Señora da Antiga, máis coñecida como Escolapios, e o Barrio de Cobas”, subliña o Alcalde.

 

Proxecto de urbanización e dotación de servizos da Zona C

A superficie resultante, unha vez urbanizados estes terreos, quedará do seguinte xeito:

  • Para rúas novas, 6.323 metros cadrados.
  • Para espazos libres e axardinados, 8.982 metros cadrados.
  • E para solares, 5.785 metros cadrados.

O aproveitamento urbanístico destes 5.785 metros cadrados urbanizables é de 22.230 metros cadrados edificables, dos cales 4.744 metros cadrados serían baixos e 17.486 metros cadrados serán para vivendas.

As edificacións serán de baixo máis tres alturas, na marxe dereita con fachada e traseira e na marxe esquerda deberán ser dobre fachada, por contar con paseos peonís entre os edificios e a zona axardinada.

Os accesos á Gardería Municipal van ser peonís por seguridade dos nenos e das nenas que acudan a esta gardería, tendo a posibilidade de estacionar moi preto a ambos lados da Gardería, tanto no Parque dos Condes como na nova rúa que se vai construír.

Tanto as novas beirarrúas como o acceso peonil á Gardería, serán de lousas de granito, o que vai realzar a singularidade desta urbanización.

Nas rúas de nova creación, vanse crear 67 prazas de estacionamento e 3 para persoas con discapacidade, o que facilitará a mobilidade de todos os veciños e veciñas de Monforte.

“Con este proxecto melloraremos as comunicacións dende a Avenida de Galicia a través da rúa Rof Codina ó barrio de Cobas, dándolle unha solución urbanística de menor impacto ó final dos edificios da rúa Rof Codina, especialmente no remate da beirarrúa da esquerda e valorizando toda esa zona” recorda o rexedor monfortino.

Ademais de novas rúas e de parcelas edificables, tamén haberá unha nova zona axardinada duns 6.000 m2 aproximadamente arredor da Gardería Municipal e do borde ó longo do río Cabe, dándolle unha semellanza ó xardín do Parque dos Condes, quedando as dúas marxes do río Cabe como zonas verdes, poñendo en valor esa zona da cidade.

Antecedentes

O terreo, denominado “Zona C”, foi calificado como solo urbano non consolidado, polo Pleno do Concello de Monforte celebrado o 12 de abril do ano 2000, fai máis de 20 anos, sendo publicado no BOP de 26 de abril e publicado no DOG de 27 de abril dese mesmo ano. Mediante ese acordo plenario produciuse unha modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, que permiten urbanizar esas zonas e poñelas ó servizo da cidade de Monforte.

Para poder levar a cabo esta urbanización, o primeiro paso dado foi levar a cabo o Proxecto de Reparcelación da “Zona C”, desenvolto pola empresa MONSA Urbanismo, e aprobado inicialmente na Xunta de Goberno do Concello, en data 23 de novembro de 2020.

O 9 de decembro de 2020, iniciouse o proceso de  notificación ós donos das parcelas afectadas por este proxecto, notificación que foi realizada polos Axentes da Cidadanía do Concello, domicilio a domicilio.

O seguinte paso foi a exposición pública durante un mes, que empezou a contar dende a notificación ós afectados polas fincas que se reparcelan.

A aprobación do proxecto definitivo así como a resolución das alegacións presentadas tivo lugar en Xunta de Goberno deste Concello o pasado 16 de xuño de 2021.

Rematados estes trámites administrativos, dende o Concello procedeuse a elaborar o proxecto construtivo, que unha vez elaborado, foi presentado hoxe polo Alcalde xunto co anuncio da licitación das obras do citado proxecto. Unha vez adxudicado e contratada a empresa adxudicataria, esta realiza as obras de urbanización propiamente ditas, nun prazo que se prevé remate entre finais de outubro e principios de novembro de 2022.

 “O proxecto de urbanización da Zona C vai ser pioneiro en Monforte e en moitos outros concellos de Galicia, pois hai moi pouca experiencia neste tipo de urbanizacións, e a través del imos mellorar urbanisticamente unha zona sensible para a nosa cidade, que cada vez ten máis vida, como é a contorna do río, a proximidade do conxunto monumental de Nosa Señora da Antiga, máis coñecida como Escolapios, e o Barrio de Cobas”, concluíu o Alcalde.