Monforte de Lemos, 20 de outubro de 2022. A 1ª Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, participou este mércores nos actos de conmemoración do 150 aniversario das Unidades Militares do Ferrocarril, celebrados na sede do Museo do Ferrocarril de Galicia (MUFERGA), en Monforte. A programación incluíu unha conferencia do Coronel Luís Poveda Martín e a inauguración dunha mostra conmemorativa da efeméride, que poderá visitarse ata o vindeiro 30 de novembro.
Prada estivo acompañada polo director do Museo do Ferrocarril de Galicia, Luís Blanco, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, e os coroneis Luís Poveda e Manuel Montero, entre outras autoridades.
A creación das Unidades Militares do Ferrocarril tivo lugar cunha Real Orde en 1872, para a reorganización das tropas dos enxeñeiros na península. Estas seccións tiveron un papel moi importante na loxística do transporte de personal y material das forzas do Exército de Terra.
O horario habitual deste museo é de martes a venres, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00horas. Os sábados, domingos e festivos as instalacións do MUFERGA poden visitarse de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas.
O MUFERGA foi inaugurado no ano 2001 e está xestionado pola Fundación dos Ferrocarrís de Galicia, da que é patroa a Deputación de Lugo. Nel desenvólvense proxectos para a exhibición pública do parque móbil ferroviario cun alto valor e interese turístico e cultural. Tanto as instalacións, como o propio material que atesoura convérteno nun dos museos vivos máis importantes do país, visitado anualmente por multitude de turistas nacionais e internacionais.