O Alcalde inaugura a Zona C, a nova área urbanizada que cambia a fisionomía do centro de Monforte

Monforte de Lemos, 15 de novembro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou, na tarde de hoxe a Zona C, un acto no que estivo acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, o Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Tomé, o Voceiro Ibán Torres, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, o Concelleiro de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, a Concelleira de Consumo, Regina López Arias, así como numerosos veciños desta zona da cidade.

O rexedor monfortino destacou que “coa apertura desta nova zona urbanizada da cidade vimos de cambiar a fisionomía de Monforte. Puxemos valor unha zona que estaba abandonada e que dende o punto de vista da mellora urbana, supón un salto cualitativo moi importante, porque con proxectos coma este, Monforte, sigue avanzando”.

“Para nós, para o Equipo de Goberno, é un día de moita satisfacción porque vemos culminado un proxecto que habíamos comprometido cando nos presentamos as eleccións no pasado mandato, e no que prometéramos desenvolver bolsas de suelo como a que hoxe inauguramos, dotándoa con espazos de lecer e de espazos urbanizables que beneficiarán o sector da construción e mellorarán esta zona da cidade”.

“As obras levadas a cabo na Zona C supuxeron a eliminación dunha balsa de maleza que existía dende o final da rúa Rof Codina ata a rúa Cobas e na rúa Fontecha, logo do cal abrimos novos viais, creamos novas parcelas para edificar e unha nova zona verde axardinada arredor da Gardería Municipal” destacou o rexedor municipal. “Con estas obras melloramos a trama urbana e poñemos en valor unha zona da cidade moi preto do monumento da Nosa Señora da Antiga, que sen dúbida vaille dar unha maior calidade urbana a esa parte de Monforte”.

Este proxecto contou cun orzamento de  918.165,09 euros (IVE engadido) e recibiu unha axuda de 300.000 euros aportados pola Deputación de Lugo, sendo o resto do orzamento total aportado polo Concello monfortino, é dicir, 618.165,09 euros, un 67,33% do total.

A empresa Misturas Obras e Proxectos S.A. foi a encargada de levar a cabo urbanización e dotación de servizos da Zona C, que comprende os terreos ubicados entre a rúa Rof Codina e o barrio de Cobas. Incluíuse o saneamento de toda a zona, a iluminación LED tanto das vías para vehículos como para os sendeiros peonís construídos, a pavimentación da nova rede viaria, incluíndo a sinalización vial e novas beirarrúas, e a configuración das parcelas urbanizables resultantes así como as zonas verdes recollidas no proxecto, que foi elaborado por Monsa Urbanismo.

A superficie resultante, unha vez urbanizados os terreos correspondentes á Zona C, supón 6.323 m2 para rúas novas, para espazos libres e axardinados, 8.982 m2 e pa para solares edificables, 5.785 m2.

Paralelamente, tamén se levou a cabo o asfaltado tanto da rúa Rof Codina como da súa ampliación. Neste senso, o Alcalde recordou que “a actuación na rúa Rof Codina, serve para desfacer un tapón nesta rúa e para completar o proxecto da Zona C, e por elo levouse a cabo a súa mellora dende a Avenida de Galicia ata a nova zona urbanizada, o cal supón tamén a súa ampliación, dende a Avenida de Galicia ata a rúa Cobas, dándolle saída ó tráfico”. As actuacións de mellora na rúa Rof Codina, contaron cun orzamento de 163.398,41 euros (IVE engadido).

Logo da inauguración da Zona C, na que José Tomé descubriu un monolito conmemorativo, no que se da nome á nova zona verde como “Parque da Gardería Municipal”,  este anunciou que a zona queda aberta ó público dende esta tarde, mentres que mañá mércores día 16 de novembro a primeira hora, será aberta ó tráfico de vehículos.

O Alcalde concluíu destacando que “a urbanización da Zona C é un proxecto pioneiro en Monforte e para moitos outros concellos de Galicia, porque a través del vimos de mellorar urbanisticamente unha zona sensible para a nosa cidade como é a contorna do río, a proximidade do conxunto monumental de Nosa Señora da Antiga, máis coñecida como Escolapios, e o Barrio de Cobas”.

 

Proxecto de urbanización e dotación de servizos da Zona C

A superficie resultante, unha vez urbanizados estes terreos, quedou do seguinte xeito:

  • Para rúas novas, 6.323 metros cadrados.
  • Para espazos libres e axardinados, 8.982 metros cadrados.
  • E para solares, 5.785 metros cadrados.

O aproveitamento urbanístico destes 5.785 metros cadrados urbanizables é de 22.230 metros cadrados edificables, dos cales 4.744 metros cadrados serían baixos e 17.486 metros cadrados serán para vivendas.

As edificacións serán de baixo máis tres alturas, na marxe dereita con fachada e traseira e na marxe esquerda deberán ser doble fachada, por contar con paseos peonís entre os edificios e a zona axardinada.

Os accesos á Gardería Municipal son peonís por seguridade dos nenos e das nenas que acudan a esta gardería, tendo a posibilidade de estacionar moi preto a ambos lados da Gardería, tanto no Parque dos Condes como na nova rúa que se construíu.

Tanto as novas beirarrúas como o acceso peonil á Gardería, son de losas de granito, o que realza a singularidade desta urbanización.

Nas rúas de nova creación, o Concello creou 67 prazas de estacionamento e 3 para persoas con discapacidade, o que facilita a mobilidade de todos os veciños e veciñas de Monforte.

“Con este proxecto melloramos as comunicacións dende a Avenida de Galicia a través da rúa Rof Codina ó barrio de Cobas, dándolle unha solución urbanística de menor impacto ó final dos edificios da rúa Rof Codina, especialmente no remate da beirarrúa da esquerda e valorizando toda esa zona” sinalou o rexedor monfortino.

Ademais de novas rúas e de parcelas edificables, tamén hai unha nova zona axardinada duns 6.000 m2 aproximadamente arredor da Gardería Municipal e do borde ó longo do río Cabe, dándolle unha semellanza ó xardín do Parque dos Condes, quedando as dúas marxes do río Cabe como zonas verdes, e poñendo así en valor esta zona da cidade.

 

Antecedentes

O terreo, denominado “Zona C”, foi calificado como solo urbano non consolidado, polo Pleno do Concello de Monforte celebrado o 12 de abril do ano 2000, fai máis de 20 anos, sendo publicado no BOP de 26 de abril e publicado no DOG de 27 de abril dese mesmo ano. Mediante ese acordo plenario produciuse unha modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, que permiten urbanizar esas zonas e poñelas ó servizo da cidade de Monforte.

Para poder levar a cabo esta urbanización, o primeiro paso dado foi levar a cabo o Proxecto de Reparcelación da “Zona C”, desenvolto pola empresa MONSA Urbanismo, e aprobado inicialmente na Xunta de Goberno do Concello, en data 23 de novembro de 2020.

O 9 de decembro de 2020, iniciouse o proceso de  notificación ós donos das parcelas afectadas por este proxecto, notificación que foi realizada polos Axentes da Cidadanía do Concello, domicilio a domicilio.

O seguinte paso foi a exposición pública durante un mes, que empezou a contar dende a notificación ós afectados polas fincas que se reparcelan.

A aprobación do proxecto definitivo así como a resolución das alegacións presentadas tivo lugar en Xunta de Goberno deste Concello o pasado 16 de xuño de 2021.

Rematados estes trámites administrativos, dende o Concello procedeuse a elaborar o proxecto construtivo, que unha vez elaborado, foi presentado hoxe polo Alcalde xunto co anuncio da licitación das obras do citado proxecto, e posteriormente, a súa adxudicación á empresa que desenvolveu as obras e que hoxe foron inauguradas.