Teatro en Monforte este xoves con “1888. A señorita Xulia”, da compañía Estudo Momento, dentro do programa do 25N

Monforte de Lemos, 21 de novembro de 2022. O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no segundo semestre do ano 2022, con unha nova peza teatral, que ademais está incluída no programa de actividades do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que organiza a Concellería de Muller e Igualdade do Concello de Monforte.

Deste xeito, dentro do Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta, este xoves 24 de novembro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos 1888. A señorita Julia, da compañía Estudo Momento, obra dirixida e interpretada por Xoán Carlos Mejuto e Iria Ares.

É unha obra dirixida a público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

Sinopse

Adaptación do clásico de August Strindberg, 1888. A señorita Xulia decide aproveitar unha ausencia do seu pai, o Conde, para organizar unha festa secreta cos criados. Durante a velada, seduce a Xoán, criado predilecto do Conde. Os dous amantes caen nun perigoso xogo de paixón, violencia, inocencia e amor. Dúas criaturas brillantes, vítimas do condicionamento social e moral dos seus mundos, tan diferentes...

O texto de Strindberg sorprende -e atemoriza- por actual e contundente. É posíbel a igualdade entre home e muller? Entre ricos e pobres? Entre rei e escravo?

Tras o éxito de 1879. Casa de Bonecas, Premio Luísa Villalta pola Igualdade en 2018, Estudo Momento volve demostrar o seu compromiso co feminismo, rescatando un clásico para seguir afondando na ardua tarefa de construír un futuro mellor, no que as mulleres sexan quen de pensar e vivir por elas mesmas.

 

A seguinte e derradeira obra do ciclo de teatro do Concello de Monforte estará dirixida a público infantil e familiar será a protagonizada polo Mago Teto baixo o título Alquimia,  que terá lugar o domingo 4 de decembro no Edificio Multiusos ás 18:005 h, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.