O Mercado de Nadal de Monforte, abre de novo esta fin de semana con novos expositores e actividades para toda a familia

Monforte de Lemos, 15 de decembro de 2022. O Concello de Monforte volverá abrirá as portas, este sábado 17 de decembro, do Mercado de Nadal- Circuítos de Artesanía e Música Galega, unha proposta de animación, con actividades para nenos e nenas, e propostas musicais para todos os públicos, á vez que se potencia o comercio e a artesanía, con produtos para agasallos.

 

Programación destacada  para todos os públicos

Ademais da oferta comercial, o Mercado de Nadal conta con un variado programa de actividades dirixido a toda a familia e que se celebrará na propia Praza de Abastos e na rúa do Cardenal.

O sábado 17 ás 12 da mañá, celebrarase o Contacontos de Nadal a cargo de César No. César No é un narrador procedente de Sarria, con máis de 10 anos de experiencia con contos versionados e propios cos que consigue facer rir a todos os públicos. Apaixoado da oralidade pola estreita relación coa avoa, quen lle contaba sempre as historias que el hoxe traslada por toda Galicia.

Pola tarde, ás 6, terá lugar unha demostración Olería de Gundivós a cargo de Elías González. E ás 19 h., unha actuación de Nadal  a cargo da  Asociación Cultural Amigos da Pandereita.

Como evento destacado do sábado, a xornada pechará coa actuación musical, as 8 e media da tarde, do grupo monfortino Malenne, nun escenario ubicado na rúa do Cardenal. Este escenario, ideado especialmente polo Concello para esta ocasión, destaca pola súa beleza e polo seu fondo audiovisual onde destacan os motivos navideños.

O domingo 18 de decembro ás 12 horas, a Praza acollerá a actuación do cantautor Emilio Rúa. E ás 12:30 h. terá lugar unha nova  demostración Olería de Gundivós a cargo de Elías González.

 

Segunda fin de semana do Mercado de Nadal de Monforte

Deste xeito, o Mercado de Nadal de Monforte, volverá a abrir as súas portas na Praza de Abastos monfortina este sábado 17 de decembro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. O domingo día 18 abrirá de 11:00 a 14:00 horas.  

No Mercado de Nadal, o visitante poderá atopar unha ampla oferta de produtos para agasallos e gastronomía navideña, a oferta de artesáns e artesás de olería, complementos, cosmética natural, madeira, bixutería, entre outras disciplinas artísticas, ademais dun amplo abanico de produtos gastronómicos gourmet e de produtores locais de alta calidade. Esta fin de semana, o Mercado de Nadal contará con 12 expositores.

Para facer máis atractivo este Mercado de Nadal, o Equipo de Goberno do Concello coidou especialmente a ambientación da Praza, decorándoa con motivos navideños, e co obxectivo de estimular a que a xente merque en Monforte e quede na cidade do Cabe para facer as súas compras de Nadal.

Estas actividades encádranse no proxecto “Circuítos de artesanía e música galega” que o Concello organiza co financiamento do programa Territorio Cultura, ó amparo dos fondos de NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resilencia do Regulamento (UE)2021/241, concedido a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.