O Alcalde xestionou a posta en marcha en Monforte do novo Centro de Competencias Dixitais e de Ciberseguridade de RENFE

Monforte de Lemos, 16 de decembro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, a Secretaria de Estado de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, anunciaron hoxe en Monforte un proxecto de enorme relevancia para a cidade, e específicamente para o sector ferroviario e á creación de postos de traballo.

Deste xeito, a Secretaria de Estado, anunciou a creación dun novo Centro de Competencias Dixitais (CCD) de Renfe especializado en operacións de Ciberseguridade. “Este futuro CCD, en el que Renfe investirá casi 1 millón de euros, se suma así a los ya creados en Mérida, Miranda de Ebro, Alcazar de San Juan, Linares y Teruel, y se enmarcan dentro de la Estrategia Nacional frente al Reto Demográfico para la deslocalización de actividades para combatir la despoblación”, explicou Pardo de Vera.

Neste senso, o Alcalde agradeceu o esforzo e o interese tanto do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, como da propia Renfe, e resaltou que “Renfe debe seguir xogando en Monforte un papel moi importante, algo ó que sen dúbida contribuirá este Centro”.

O presidente de Renfe, na súa intervención, adiantou os pormenores deste novo CCD: “Renfe, a través de su filial LogiRAIL, creará en Monforte de Lemos un Centro de Competencias Digitales (CCD) especializado en Operaciones de Ciberseguridad. Está previsto que comience su actividad a finales de 2023 y que cuente, en el periodo 2023-2025, con unos 35-40 profesionales altamente capacitados y certificados”. Isaías Táboas resaltou ademais que “será el primer centro de operaciones de seguridad ferroviario especializado de estas características que existe a nivel europeo”.

Neste senso José Tomé, resaltou a importancia dente novo Centro “porque se somos ambiciosos e facemos as cousas ben, do 40 postos de traballo que crearemos inicialmente a través del, poderemos alcanzar os 100 postos altamente cualificados”.

Na súa intervención o Alcalde tamén incidiu en que “Renfe tería un papel máis relevante se atopáramos a colaboración leal da Xunta de Galicia, co Concello e co Ministerio”, porque “si a Xunta puxera en marcha o Porto Seco de Monforte, con esta plataforma loxística, Renfe tería moitas máis posibilidades de negocio”.

Finalmente, tanto a Secretaria de Estado coma o presidente de Renfe, destacaron “o interese, o tesón e o empeño do Alcalde de Monforte por levar adiante este proxecto, que hoxe é unha realidade e que situará á cidade como referencia da ciberseguridade deste tipo de servizos en España”.

Obxectivos e posta en marcha do novo Centro de Competencias Dixitais de RENFE en Monforte

O novo CCD de Renfe en Galicia terá a misión de detectar, analizar e corrixir incidencias de ciberseguridade, utilizando as solucións tecnolóxicas máis avanzadas do sector. Ademais, este Centro de Operacións de Seguridade (SOC) pode ser a base para a creación e desenvolvemento dun Clúster Empresarial de Ciberseguridade aplicado ao sector ferroviario europeo. O de Monforte de Lemos será un SOC ferroviario especializado en IT (Information Technology) + OT (Operational Technology) + IoT (Internet of things) e estará formado por un equipo altamente capacitado e certificado en ciberseguridade, de entre 35- 40 profesionais (no período 2023-2025).

Está previsto que Renfe inicie o programa de formación profesional no terceiro trimestre de 2023 para que o centro operativo inicie a súa actividade no cuarto trimestre do próximo ano.

As instalacións do novo CCD terán unha superficie de 600m2, cumprindo cos requisitos e normativas de seguridade da industria: validación do Esquema Nacional de Seguridade, Certificación ISO 27001 e validacións do Centro Nacional de Infraestruturas Críticas e pola Oficina de Coordinación de Ciberseguridade do Ministerio do Interior, entre outros.

O CCD de Monforte despregará progresivamente os seus servizos e capacidades, comezando polas estacións e obradoiros (OT/IoT), para posteriormente avanzar no material móbil (IT/IoT).

 

Transformación dixital e eficiencia tecnolóxica

Os Centros de Competencias Dixitais de Renfe pretenden impulsar a eficiencia tecnolóxica e acelerar a transformación dixital da empresa. A creación destes centros supón unha oportunidade para reforzar as capacidades internas de Renfe ante a dixitalización, xa que se incorporan á empresa novos perfís profesionais para a realización de actividades tecnolóxicas que ata agora Renfe tiña subcontratadas a terceiros (servizos de mantemento e explotación de robots, mantemento de aplicacións, xestión de infraestruturas tecnolóxicas, atención telefónica ao cliente e, agora, ciberseguridade). Enmárcanse dentro dos piares do Plan Estratéxico de Renfe, que apostan polo cliente, a internacionalización e a eficiencia e seguridade. Estes centros permiten descentralizar os servizos tecnolóxicos e crear emprego de calidade.

Co de Monforte de Lemos, Renfe creará máis de 400 novos postos de traballo grazas aos CCD ata 2025 (entre 2021 e 2022 xa se crearon máis de 300 postos de traballo adscritos aos CCD). A creación destes Centros de Competencia Dixital de Renfe enmárcase no Plan de Reubicación de Recursos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, concibido como impulsor de medidas de mellora da competitividade, o desenvolvemento de novas actividades económicas, o aproveitamento dos recursos locais e o talento asociado ao medio ambiente.

 

No acto de presentación deste importante proxecto para Monforte, o Alcalde, a Secretaria de Estado e o Presidente de Renfe, estiveron acompañados polo Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o Director General de Operaciones de Renfe, Jose Luis Cachafeiro Vila, o Director General de Logirail, Óscar Gómez Barbero, así como a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada.