Monforte de Lemos, 12 de xuño de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe en rolda de prensa “unha nova obra de mellora para o Polígono industrial de O Reboredo, que o dotará dunha nova infraestrutura que se engade ó conxunto de medidas de impulso, medidas de consolidación e medidas de crecemento que dende que eu son Alcalde levamos desenvolvendo no Reboredo, e que nos últimos tempos, permítenlle gozar de moi boa saúde”.
A actuación proxectada polo Executivo de José Tomé consistirá na construción dun novo aparcamento “moi necesario para mellorar os servizos que ofrece este polígono e co que queremos paliar un déficit existente no Polígono do Reboredo, xa que o aparcamento que existe na zona onde se construirá o novo é insuficiente e tampouco reúne as condicións mínimas dunha instalación deste tipo”.
A actuación enmárcase no programa de melloras das infraestruturas municipais, tanto no eido urbano como no medio rural, e no propio Polígono do Reboredo que leva desenvolvendo e executando o Alcalde e o seu Equipo de Goberno dende o ano 2015.
“Creo como Alcalde, que esta actuación anunciada hoxe dun novo aparcamento para esta área industrial, contribuirá a que sigamos facendo aínda máis atractivo o noso Polígono, con máis solo industrial, máis oportunidades para as empresas, mellor comunicado e con mellores servizos para a implantación de empresas, para xerar riqueza e xerar postos de traballo”, salientou José Tomé.
Novo aparcamento para camións e turismos no Polígono do Reboredo
O Alcalde explicou que o aparcamento actual, que se ubica na marxe esquerda da vía principal do Polígono, fronte as empresas Oviganic e a Gallaecia Delicatessen, ten unha superficie dun 2.200 m² e é maioritariamente utilizado con camións. Actualmente é unha explanada sen ordenar e cun pavimento asfáltico bastante deteriorado. Esta zona presenta, na súa maior parte, un firme de terreo vexetal con zonas moi húmidas, excepto na zona do aparcamento existente, que é un firme asfáltico e unha zona con bordos de formigón.
Coa obra que iniciará o Concello nos vindeiros meses, construirase un novo aparcamento cunha superficie total de 6.400 m², o triple que a superficie actual, cun pavimento de aglomerado asfáltico en toda a calzada e de formigón semipulido na beirarrúa perimetral que o circunda.
A capacidade total do aparcamento será de 17 camións e 64 turismos. Ademais, e tal e como esixe a normativa vixente, contará con 2 prazas de aparcamento adaptadas e 4 prazas con cargadores eléctricos.
As prazas de aparcamento para turismos terán unhas dimensións de 5x2,50 metros, mentres que as de camións serán de 17x3,50 metros.
En canto á dotación de servizos, contará con:
- Zonas verdes e árbores que darán sombra ás prazas de aparcamento.
- Instalaranse 3 fontes de auga potable e 2 zonas para contedores de residuos sólidos urbanos.
- Instalación de pluviais para recoller todo a auga da choiva da zona e sumidoiros.
- Iluminación pública, con luminarias LED sobre columnas metálicas de 12 metros.
- Instalación de electricidade para alimentar os cargadores eléctricos das catro prazas mencionadas.
- Rede de telecomunicacións, para dar servizo ás 6 cámaras de videovixilancia que se instalarán nesta zona.
- Rede de abastecemento para dar servizo ás 3 fontes sinaladas.
O desenvolvemento dos traballos proxectados para a creación deste novo aparcamento no Polígono do Reboredo levarase a cabo do seguinte xeito:
-Actuacións previas: Procederase á apertura de caixa, así como ao compactado e perfilado da caixa, coa posterior carga e transporte dos produtos sobrantes da escavación. Procederase tamén ao levantado do firme granular nas zonas en que é necesario, así como dos bordos existentes. Con carga e transporte a vertedeiro.
-Firmes e pavimentos: Colocarase en primeiro lugar, unha base de zahorra compactada en toda a zona de actuación. Seguidamente colocarase o bordo de formigón que separa a calzada das beirarrúas peonís e das zonas verdes. Como capa de rodadura colocarase unha capa de aglomerado en quente de 5 cm. de espesor. Na zona das beirarrúas colocarase un pavimento de soleira de formigón e procederase ao recalce das tapas que sexa necesario.
-Instalacións: Realizaranse as zanxas necesarias para a colocación das canalizacións de pluviais, de abastecemento, de electricidade e telecomunicacións, así como as de iluminación pública. Así mesmo, colocaranse todos os elementos necesarios, como pozos de rexistro, arquetas, sumidoiros de calzada, telecomunicacións, cimentación e columnas da iluminación pública,…
-Sinalización: Unha vez terminada a capa de rodadura, procederase ao pintado de marcas viarias continuas ou descontinuas, as liñas de bordo ou eixo de calzada, así como símbolos, cebreados e letreiros.
-Mobiliario urbano e xardinería: Procederase ao recheo con terra vexetal, así como o preparado do terreo e posterior sementa de céspede. Tamén se plantarán as árbores e colocaranse 3 fontes.
Orzamento e prazos
Para esta actuación, o Concello destina un orzamento de 305.250,57 euros, IVE engadido. Dende o Concello solicitouse unha subvención á Consellería de Economía e Industria, e foille concedida unha axuda de 120.000€, é dicir, o 39,31% do solicitado, aportando o Concello 185.250,57€, o que equivale ó 60,69%, practicamente o 60% do orzamento.
O vindeiro luns 17 de xuño aprobarase o proxecto en Xunta de Goberno e ó día seguinte, o martes 18 de xuño, sairá a licitación coa súa publicación na Plataforma de Contratación do Sector Público.
O prazo para a presentación de ofertas será ata o luns 15 de xullo. As mesas para a apertura dos correspondentes sobres celebrarémolas o 17 e o 24 de xullo. Unha vez licitado e asinada a acta de replanteo, o prazo de execución da obra estimámolo en 2 meses.
O Alcalde concluíu salientado que “hoxe é outro día importante para o desenvolvemento e mellora do Polígono, un paso máis na folla de ruta de melloras que dende este Equipo de Goberno estamos levando a cabo no Polígono Industrial do Reboredo, cuxa promoción e mellora é un dos piares da miña acción de goberno, dende que cheguei á Alcaldía.”
Aposta dedidida do Executivo de José Tomé polo Polígono do Reboredo
O Polígono industrial do Reboredo Polígono ten unha parte que é municipal, como son as rúas, a iluminación, o abastecemento, o saneamento e as zonas verdes e dotacionais. As parcelas de uso industrial son titularidade de Suelo Empresarial del Atlántico, que é a que se encarga da xestión e venta das mesmas, aínda que esa venta sexa xestionada polo Concello, como ocorreu durante estes últimos anos. Mentres que o Concello ten a titularidade das parcelas que saíron do concurso de 2017 e que non levaron a cabo o proxecto empresarial que comprometeran.
O Alcalde destacou que “o Polígono do Reboredo é un polígono con moitas posibilidades e ben comunicado, por atoparse a 1,5 Km da N-120 e tamén da futura autovía A-76, así como unha ubicación xeográfica que o pode facer atractivo para empresas de fora do noso ámbito territorial. En breve daremos conta de obras para mellorar o enlace coa N-120.”
Así o Equipo de Goberno que dirixe José Tomé aposta claramente polo desenvolvemento deste polígono, tanto nas infraestruturas viarias, como nos servizos de mellora de alumeado, mellora de abastecemento de auga, e melloras no saneamento e promoción diante do tecido empresarial, o que está dando uns excelentes resultados, dado o nivel de venta de parcelas que está esgotado.
“Neste senso”, destacou o Alcalde, “na actualidade o Polígono Industrial do Reboredo goza de moi boa saúde, froito dunha promoción que viñemos facendo nos últimos anos e que está dando xustamente estes froitos que desexábamos”.
Dende que José Tomé foi elixido Alcalde en 2015 a súa aposta polo Polígono do Reboredo é constante. Así, no período 2016-2022, superáronse os 1,1M€ investidos, concretamente 1.108.949,26€, para mellorar o seu pavimento, alumeado, saneamento, comunicacións e para a reforma da EDAR.
Do mesmo xeito, levouse cabo a construción dunha nova vía de comunicación dotada de todos os servizos, cun investimento de 235.627,16€; converteuse unha nave municipal na sede do primeiro Viveiro de Empresas industrial na zona, cun investimento de 235.913,45€; en colaboración coa Deputación de Lugo, mellorouse a estrada de Monforte ó Polígono do Reboredo, cunha inversión de 315.000€.
De cara ó futuro, construirase unha nova Depuradora, xunto á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, dotada con 4,6M€ de investimento.
E estase desenvolvendo dende o Concello a ampliación deste polígono, xunto co SEA e o SEPES, ampliación que suporá duplicar a súa superficie, sumando 275.000 metros cadrados máis que, sumados que ás 16,5 hectáreas cedidas pola Deputación de Lugo, farán que se converta nun dos máis grandes do interior de Galicia, superando os 823.000 m2, cunha proxección de futuro moi importante.
O éxito do Polígono tradúcese no interese crecente de empresas por implantarse no mesmo, grazas á promoción que ven facendo o Concello nos últimos anos, como o caso anunciado da farmacéutica KernPharma, que construirá unha planta de produtos inxectables, cun investimento de máis de 60M€ e con máis de 100 empregos, ou a ampliación e mellora das instalacións da empresa de produtos lácteos Oviganic Ibérica, e novos proxectos industriais que están en fase de anteproxecto.