O Alcalde visita as instalacións de Celega e pon en valor a súa aportación no sector lácteo na comarca de Lemos e na provincia de Lugo

Monforte de Lemos, 1 de agosto de 2024. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou este xoves as instalacións de Celega situadas en Escairón, no concello de O Saviñao. Trátase dunha fábrica xestionada polas Cooperativas Lemos e Coreber que vén de ser recoñecida pola entidade independente AENOR polo seu compromiso co benestar animal e polo coidado do medio ambiente.

José Tomé destacou durante a visita o traballo da Cooperativa Lemos, unha entidade gandeira con sede en Monforte de Lemos que é propietaria ao 80% desta firma, unha das principais recolledoras e comercializadoras de leite de toda Galicia.

Salientou o rexedor municipal a súa aportación e o seu peso no sector lácteo da comarca de Lemos e na provincia de Lugo, e incidiu co compromiso do Concello e da Deputación co sector primario “que é fundamental para a economía, para o emprego, pero tamén para preservar a identidade cultural da nosa provincia”. Tamén trasladou o mandatario monfortino e provincial os seus parabéns á firma polas certificacións conseguidas.

Segundo detallou o director xeral do grupo Celega-Cooperativa de Lemos, José Manuel Rodríguez, a certificación polo coidado do benestar animal nas granxas xa a recibiron o ano pasado, e no mes de xuño conseguiron as de xestión ambiental e residuo cero.

Na visita acompañaron ó Alcalde de Monforte e ó director xeral do grupo lácteo, o responsable da Cooperativa Lemos, Eliseo Mariño; o responsable da Cooperativa Coreber, Jesús Mato Pose; o Secretario Xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro; a Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada; e o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, entre outras autoridades.