O Alcalde destaca, nos actos da festividade dos Santos Anxos Custodios, que a nova Comisaría da Policía Nacional de Monforte será unha realidade en 2026

Monforte de Lemos, 3 de outubro de 2024. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, participou na mañá de hoxe nos actos conmemorativos do Día da Policía Nacional, festividade dos Santos Anxos Custodios.

Os actos con motivo do Día da Policía Nacional deron comezo ás 11.30 horas, coa celebración litúrxica da festividade dos Santos Anxos Custodios na igrexa da Régoa. O rexedor monfortino presidiu os actos litúrxicos e institucionais xunto ó  Inspector Xefe en funcións da Comisaría de Monforte, Celso Dacal Vázquez, e o Xefe de Seguridade Cidadá da Comisaría de Monforte, Óscar Fernández Prieto.

Ademais, tamén asistiron Capitán da Garda Civil en Monforte, Santiago Tomay Roel, o Comandante de posto e cabo 1º da Garda Civil, José Manuel García Amaya, o Inspector Xefe da Policía Local, Miguel Martínez, o Oficial da Policía Local, Néstor Álvarez, o fiscal dun dos Xulgados de Monforte, Francisco de Asís, así como outros membros correspondentes ó Corpo da Policía Nacional monfortina, familiares e amigos.

Polo Concello monfortino tamén acudiron a Primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e outros membros da Corporación municipal.

Acto institucional no Centro do Viño

O Centro do Viño acolleu, dende as 12:30 h., o acto institucional, no que foron impostas condecoracións a diversos funcionarios e entregáronse diplomas de recoñecemento e de colaboración institucional a diversos organismos.

A mesa presidencial estivo composta polo Alcalde de Monforte, o Inspector Xefe en funcións da Comisaría de Monforte, Celso Dacal, e o Xefe de Seguridade Cidadá da Comisaría de Monforte, Óscar Fernández.

En concreto, impúxose a Medalla ó Mérito Policial con Distintivo Blanco ós policías Carlos Carballo Vázquez e Óscar Fernández Fidalgo.

Tamén se lle fixo entrega dun Diploma de Policía Honorario do CNP, ó policía xubilado José Manuel García Somoza.

A continuación, tivo lugar o acto de recoñecemento doutras administracións e da colaboración institucional, mediante a entrega de metopas.

Este ano, as entidades que acadaron tal recoñecemento foron o corpo da Policía Local, a Compañía da Garda Civil e o Concello de Monforte de Lemos, cuxa metopa foi recollida polo Alcalde, “polo seu inestimable apoio e colaboración coa institución, coincidindo co 200 aniversario da creación do Corpo Nacional de Policía”.

O Alcalde pechou o acto cunha intervención na que destacou “a inestimable labor deste corpo de Policía no día a día da nosa cidade, que sen dúbida, é unha labor decisiva para garantir a seguridade e a boa convivencia da nosa sociedade”.

Tamén, o Alcalde felicitou á Policía Nacional monfortina “polo excelente traballo desenvolto durante a celebración das pasadas Festas Patronais”.

Neste senso, incidiu o Alcalde, “a cooperación existente entre os axentes e mandos da Policía Nacional e da Policía Municipal de Monforte, quero salientar que é unha cooperación estreita, solidaria e moi eficaz, polo que quero reiterar o noso agradecemento dende o Concello por este bo facer, e desexar que esta colaboración siga sendo exemplar”.

“Gracias a esta cooperación”, subliñou o Alcalde, “podemos dicir que o noso é un Concello tranquilo e cun baixo nivel de delincuencia, e así o reseñan os datos dos últimos anos que nos facilitan dende o Goberno de España. Aínda así, non debemos baixar a garda, debemos seguir traballando conxuntamente para poder manter eses bos datos de baixa delincuencia, e acadar así unha cidade tranquila e segura para os nosos veciños e veciñas”.

O mandatario monfortino concluíu desexando que as condicións na prestación do servizo sexan as mellores posibles, e recordou que “fixen todo o posible para que Monforte teña a Comisaría de Policía que se merece. As obras xa están en marcha, así que, si se cumpren os prazos de adxudicación, a finais do próximo ano 2025 estarán rematadas, cunha inversión de case 3,7 millóns de euros, podendo prestar o servizo na nova comisaría ó longo do ano 2026.”

E engadiu que “eu creo que boa mostra da importancia das xestións que fixen como Alcalde, está acreditado en que este proxecto lévase directamente pola Secretaría de Estado, cando o habitual é que sexa a Dirección Xeral da Policía Nacional. Así que, a nova Comisaría está cada vez máis cerca, e pronto será unha realidade na nosa cidade, motivo polo que nos debemos felicitar e sentir orgullosos, pois contribuirá ademais a consolidar a Comisaría na nosa cidade”.

Tras os actos Institucionais, a xornada rematou coa celebración dun viño español no propio Centro do Viño da Ribeira Sacra.