O Equipo de Goberno colabora na organización das Xornadas Micolóxicas que terá lugar do 21 ó 23 de novembro en Monforte

Monforte de Lemos, 5 de novembro de 2024. O Equipo de Goberno do Concello de Monforte colabora un ano máis coa Asociación Micolóxica Lactouros, na organización das Xornadas Micolóxicas 2024, que terán lugar do 21 ao 23 de novembro.

A tenente de Alcalde, Gloria Prada, en compañía do concelleiro e membro da asociación, Manuel Luaces, foi a encargada de presentar o cartel dos diversos actos organizados.

O programa incluirá dúas conferencias no Centro do Viño de Monforte de Lemos e unha saída ao campo con xantar.

O xoves 21 de novembro ás 20:00 h. terá lugar a charla "Iniciación á Micoloxía", impartida por Carlos Pérez, presidente da Asociación Lactouros. Unha introdución perfecta para quen desexe penetrarse no fascinante mundo dos fungos.

O venres 22 de novembro ás 20:00 h. terá lugar a conferencia "Do bosque á mesa: cogomelos galegos e receitas tradicionais", a cargo do recoñecido micólogo e divulgador Luís Cuba, quen compartirá a súa experiencia na identificación e uso culinario dos cogomelos.

O sábado 23 de novembro, celebrarase unha saída ao monte para a identificación de cogomelos, seguida dun xantar no Restaurante Abadía San Simón, cun menú especial baseado en cogomelos de tempada.

Durante as xornadas, contarase cunha exposición de cogomelos onde os membros da asociación clasificarán e exhibirán as especies colleitadas, mostrando a diversidade fúngica da rexión.

A inscrición para a comida permanecerá aberta ata o 20 de novembro, a través de WhatsApp no número 671 473 982.

Ademais, en colaboración co Concello de Monforte de Lemos, a asociación continuará o seu labor educativo levando a cabo xornadas micolóxicas nos diversos centros educativos de Monforte, co obxectivo de achegar aos máis novos ao valioso mundo dos fungos.