Monforte de Lemos, 18 de decembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, deu a coñecer hoxe en rolda de prensa unha nova inversión histórica para a cidade de Monforte, logo do “remate das xestións de xeito totalmente positivo, que concluíron co acordo do Consello de Ministros do día de onte, 17 de decembro de 2024”.
Trátase dun investimento de 10 millóns de euros para investir na mellora da rede de abastecemento de auga de Monforte que o Consello de Ministros do Goberno de España autorizou, na súa reunión celebrada onte, a través da Sociedad mercantil estatal Aguas de las Cuencas de España (ACUAES).
“En moitas ocasións teño dito que Monforte vai ben, e que, aínda vai ir mellor, e pódese comprobar que isto que digo é certo. A racha positiva continúa coas xestións deste Alcalde e do meu Equipo de Goberno, e podemos dicir que a Monforte tocoulle a Lotería coa inversión destes 10 millóns de euros.” salientou o Alcalde.
Esta excelente noticia que era coñecida polo Alcalde, e que onte coñeceuse publicamente, é o froito de varios anos de traballo e de xestións intensas para acadar o obxectivo de renovar todas as tubaxes de fibrocemento que hai en Monforte, “porque teño moi claro cales son as prioridades de Monforte, e isto conséguese con moito traballo e ter capacidade de relación e de xestión coas outras Administracións que queren colaborar, como a Deputación Provincial de Lugo, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ou o propio Goberno de España”, subliñou José Tomé.
Neste senso, o rexedor monfortino puxo en valor que “esta é a única actuación en Galicia, e tamén en poucas Comunidades Autónomas, porque é moi difícil que un abastecemento dun concello de menos de 20.000 habitantes chegue á mesa do Consello de Ministros”.
José Tomé aproveitou a súa comparecencia ante os medios de comunicación para agradecer esta histórica axuda para Monforte ó “ó Goberno de España, que preside o compañeiro Pedro Sánchez, pero si falamos de persoas concretas coas que fixemos as xestións para acadar este logro, quero dar as gracias ó Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, á Directora de ACUAES, á Directora Xeral da Auga, ó Secretario de Estado de Medio Ambiente, e á ex-ministra Teresa Ribera, porque todos eles tiveron algo que ver neste éxito para Monforte”.
Evolución do proceso para a substitución das tubaxes de fibrocemento da cidade
O Alcalde explicou que tras a concesión desta axuda de 10M€ por parte do Goberno de España, agora da comezo toda a tramitación administrativa para levar a cabo estas obras tan importantes para o Concello monfortino, tramitación que se levará a cabo entre ACUAES e o Concello de Monforte, a través dun documento que recolla as actuacións que hai que levar a cabo, e todo o condicionado das mesmas.
O segundo paso é a redacción do proxecto, a aprobación do mesmo, a licitación das obras e a execución física do cambio das tubaxes.
Neste senso, o Alcalde salientou que se estima un período de entre 4 e 6 anos, dependendo do tempo da tramitación, dos servizos afectados, dos permisos de outros organismos e da climatoloxía.
“Con esta inversión Monforte xa non terá ningunha tubaxe de fibrocemento conseguindo que practicamente xa non haberá avarías”, subliñou José Tomé, quen engadiu que “grazas a estas xestións que fixemos, isto que parecía un soño, porque ningún goberno municipal anterior o había conseguido, con este Equipo de Goberno, vai ser unha realidade, e polo tanto, vai ser moi positivo para Monforte.”
Traballos necesarios
O Alcalde tamén explicou os traballos que haberá que levar a cabo en termos xerais e dun xeito moi resumido para a substitución das tubaxes de abastecemento de fibrocemento, e que son os seguintes:
- Instalación dunha rede provisional de auga potable.
- Demolición do pavimento e escavación de zanxas para a instalación das novas tubaxes.
- Retirada da tubaxe de fibrocemento, instalación da nova tubaxe, conexión, desinfección, limpeza e posta en carga.
- Recheo da escavación e reposición de firmes en baldosa, formigón ou aglomerado, segundo o caso.
A instalación e retirada das canalizacións de fibrocemento existentes deberán ser realizadas por unha empresa homologada e inscrita no RERA (Rexistro de empresas con risco de amianto), e realizar a xestión dos residuos conforme á normativa vixente.
O inventario das tubaxes de fibrocemento son 56,926 quilómetros, ós que lle hai que descontar 5,168 quilómetros da tubaxe xeral dende o Cornado ata San Vicente, actualmente en obras, para substituíla por unha tubaxe de fundición, co cal unha vez rematadas as obras da tubaxe xeral quedan pendentes 51,758 quilómetros, “algo parecido como ir de Monforte a Nadela”.
O investimento dos 10 millóns de euros, van servir polo tanto para substituír a tubaxe de baixada de San Vicente pola rúa da Cerca ata Roberto Baamonde, nunha lonxitude de 272 metros e un diámetro de 500 milímetros.
Substituirase tamén a tubaxe xeral a Piñeira ata o Polígono do Reboredo, que ten 2 diámetros distintos, por unha parte, hai 4,275 quilómetros cun diámetro de 300 milímetros, e 1,066 quilómetros de 250 milímetros, así como o resto do núcleo urbano, cunha lonxitude de 46,104 quilómetros, que suma polo tanto os 51,758 quilómetros de rede de fibrocemento na cidade de Monforte, e que serán totalmente renovados.
A valoración económica dende o Concello se lle propuxo ó Ministerio de Transición Ecolóxica, que é de quen depende ACUAES, están baseados nos prezos unitarios que se indican no Plan da Auga 2010-2025, da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, incrementados nun 25% pensando nas actualizacións de prezos que puidera haber durante as xestións para acadar este logro.
Finalmente o rexedor monfortino recordou a obras que se levan feito para substituír as tubaxes de fibrocemento. Neste senso, dende o inicio da concesión a Aqualia da rede de abastecemento, en 2001, o inventario das tubaxes de fibrocemento fai 23 anos era de 77,68 quilómetros e ata o 2016 habíanse cambiado 8,56 quilómetros, é dicir, que cada ano de media substituíronse 570 metros de tubaxes de fibrocemento.
Dende 2016 ata a actualidade, incluíndo a nova tubaxe xeral, substituíronse en 8 anos, 17,362 quilómetros, é dicir, 2.170 metros de media cada ano, multiplicando por catro as obras que se fixeron anualmente no período anterior.