Monforte de Lemos, 18 de xaneiro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de facer balance dos datos obtidos nas dependencias turísticas xestionadas polo Concello, en canto a número de visitantes rexistrados nos últimos anos, tanto na Oficina de Turismo como na Oficina de Atención ó Peregrino.
Estas dependencias turísticas alcanzan en 2024 os mellores datos dos últimos anos en canto a persoas atendidas: “tras o boom turístico que se viviu no ano 2021, que provocou un repunte espectacular, dicir que no período 2022 a 2024, xa estabilizada a situación do turismo, as cifras do ano 2024 son as mellores dos últimos anos, sobre todo, en comparación cos anos anteriores á pandemia”.
Á vista dos datos obtidos, Monforte de Lemos constitúese coma un destino referente dentro da Ribeira Sacra e da provincia de Lugo, apoiado polo incremento interanual de visitantes, o que apunta a unha tendencia, cada vez máis crecente, cara á desestacionalización.
Máis de 19.000 persoas atendidas en 2024 na Oficina municipal de Turismo de Monforte
Os datos relativos á persoas atendidas presencialmente na Oficina de Turismo do Concello de Monforte, por ano son os seguintes:
- Ano 2022: 17.115 persoas.
- Ano 2023: 18.395 persoas.
- Ano 2024: 19.458 persoas, sendo a segunda cifra máis alta dos últimos anos, tras o ano 2021.
Nos anos 2022 a 2024, estabilízanse as cifras turísticas, tras a pandemia, e constitúense como as mellores cifras dos últimos anos, sendo as mellores as correspondentes a 2024, con 19.458 persoas atendidas.
Porcentualmente, en 2024 atendeuse a un 5,77% máis de visitantes que en 2023 (1.063 persoas máis), e atendéronse un 13,68% máis que en 2022 (2.343 máis). Se acudimos a anos previos á pandemia, por exemplo en 2024 foron atendidas un 31,02% máis de persoas que en 2018 (4.607 persoas máis, sendo atendidas en 2018, 14.851 persoas).
Tamén cabe resaltar a incidencia por meses, que se mantén tamén á alza, especialmente os relacionados co período estival. Para elo fixámonos nos meses de xuño a outubro, nos últimos 3 anos:
- En 2022, a afluencia presencial á Oficina de Turismo do Concello de Monforte por meses foi de 1.292 persoas en xuño, 2.673 en xullo, 4.877 en agosto, 2.347 en setembro e 1.457 en outubro. É dicir, no período de xuño a outubro, foron un total de 12.646 os turistas atendidos en 2022.
- En 2023 alcanzáronse as 13.899 persoas atendidas nestes 4 meses: 1.167 persoas en xuño, 3.035 en xullo, 5.466 en agosto, 2.636 en setembro e 1.595 en outubro.
- E en 2024, neste período de 4 meses, alcanzáronse as 14.478 persoas: en 2024, foron 1.457 persoas en xuño, 3.238 en xullo, 5.408 en agosto, 2.881 en setembro e 1.494 en outubro.
“Polo tanto, podemos afirmar que o período xuño-outubro de 2024 é un dos mellores datos de afluencia da historia da Oficina de Turismo de Monforte. Con respecto a 2023, supón 579 persoas máis atendidas en 2024, un 4,16% máis, e un 14,48% máis que en 2022, con 1.832 persoas máis atendidas. Creo que son uns excelentes resultados turísticos do pasado ano 2024, especialmente os meses de xullo (3.238 persoas) e agosto (5.408), o que significa que a xente apostou polo turismo de interior, apostou polo turismo de calidade da Ribeira Sacra, e participaron en eventos tan importantes para nós como son o Festival do Viño, o Verán Cultural ou as Festas Patronais”.
O mes de maior afluencia en 2024 foi agosto, cun total de 5.408 visitantes que supón o 27,80% do total, sendo o día 6 o que máis número de visitas recibiu (292).
Ademais da atención presencial na Oficina de Turismo, tamén son atendidas consultas vía teléfono e vía correo electrónico. En 2024, melloráronse os datos obtidos tanto en 2022 como en 2023: En 2022, foron atendidas 1.402 chamadas telefónicas e contestados 301 correos electrónicos; en 2023, foron atendidas 1.464 chamadas telefónicas e contestados 306 correos electrónicos; e en 2024, foron atendidas 1.872 chamadas telefónicas e contestados 460 correos electrónicos, cun total de 2.332 consultas telemáticas.
En canto a procedencias, Madrid é a comunidade que máis turistas aportou en todos os meses seguida de Pais Vasco, Cataluña e Comunidade Valenciana. Andalucía tamén é un emisor a ter cada vez máis en conta.
Respecto ó turismo internacional, Francia ocupa o primeiro posto en canto a visitantes, seguidos de Reino Unido, Alemaña e Holanda.
Finalmente, en canto ós temas e cuestións consultadas polos usuarios da Oficina de Turismo de Monforte as máis preguntadas son as relativas ás a zona das ribeiras, é dicir, os Canóns dos ríos Sil e Miño, xunto a toda a súa oferta: miradoiros, roteiros fluviais en catamarán, adegas... Tamén se demanda información sobre a variada oferta de roteiros de sendeirismo. Por último, a importante concentración de románico na Ribeira Sacra atrae a un público moi interesado no seu estilo artístico e arquitectónico.
A Oficina de Atención ó Peregrino de Monforte alcanza porcentaxes históricos de visitas
A Oficina de Atención ó Peregrino de Monforte, tamén alcanza datos históricos con 3.676 persoas atendidas en 2024, e tendo en conta que foi inaugurada polo Alcalde en setembro de 2021.
Os datos de atención especificamente relacionados con peregrinos do Camiño de Inverno son:
- Total ano 2021: 1.772 persoas atendidas:
- Ano 2021 ata o 14 de setembro: 322.
- Ano 2021 dende o 14 de setembro (cando abre a Oficina do Peregrino) ata decembro: 1.450.
- Ano 2022: 825.
- Ano 2023: 2.120 persoas.
- Ano 2024: 3.676 persoas.
Neste caso, podemos destacar o aumento destacado que se produciu na Oficina do Peregrino no ano 2024 con respecto ó 2023, pois foron atendidas 1.556 persoas máis, un 73,39% máis. Con respecto a 2022, foron atendidas 2.851 persoas máis, un 345% máis, e con respecto a 2021, atendéronse 1.904 persoas, un 107% máis.
Cabe recordar, ante este aumento tan destacado en 2024, e tamén en 2023, que a Oficina do Peregrino rexistra a atención ós peregrinos que acoden a selar a súa Compostela ou a pedir información, e tamén a atención a persoas interesadas en coñecer o Camiño de Inverno. “Cada vez a Oficina do Peregrino detecta máis persoas que recorren o Camiño de Inverno como ruta de peregrinación a Santiago”, destaca o Alcalde.
Finalmente, os meses de maior afluencia de peregrinos en 2024 foron setembro (209), maio (171), agosto (144) e xullo (118), meses nos que a climatoloxía é máis favorable.
En canto ás procedencias, a nivel nacional destacan Madrid, Cataluña, Andalucía e Galicia. A nivel internacional, son Italia, Reino Unido e Francia os principais países de procedencia.
No caso desta oficina, destacar como anécdota que contou coa visita de 3 cans peregrinos, que viñan acompañando ós seus propietarios. Todos os cans levaban a súa credencial canina para ser selada, porque así o solicitaron os seus donos, tendo o mesmo formato que a credencial dos humanos.
As consultas que fan tanto os visitantes como os peregrinos que acoden a esta oficina municipal, son as relacionadas en primeiro lugar co propio Camiño de Inverno, seguida dos recursos turísticos contidos na cidade, así como tamén a solicitude de aloxamentos e outro tipo de servizos. Finalmente, tamén fan consultas sobre outras rutas que conforman os Camiños de Santiago.
Deste xeito, o Camiño de Inverno vaise posicionando claramente como un Camiño referencia para os amantes da natureza e polo seu paso pola Ribeira Sacra. A pesar da súa dificultade nalgunha das súas etapas, o interese por saber e por coñecelo vai en crecemento exponencial, facilitando que Monforte de Lemos siga sendo un referente dentro deste aspecto.
Ademais, coa apertura desta oficina facilitouse a fluidez na atención persoalizada en épocas de moita afluencia. Ademais, as información recopiladas conclúen que os peregrinos e os visitantes quedan polo menos un día para coñecer os recursos máis destacados que lles ofrece Monforte.
Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra manteñen un fluxo de turismo á alza
Tras valorar estes datos, proporcionados pola empresa xestora da Oficina de Turismo do Concello e da Oficina de atención ó Peregrino, o Alcalde salientou “que “os resultados turísticos de 2024 son excelentes e confirman a recuperación e a solidez do sector. Estes datos demostran que Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra están ben promocionados polo Concello e por iso están de moda e constitúense hoxe coma un dos principais destinos turísticos do interior de Galicia, sobe todo grazas á promoción permanente e con eventos que realiza o Concello, tanto a nivel galego como estatal”.
O rexedor monfortino subliñou que o “enorme potencial cultural, gastronómico, patrimonial e turístico de Monforte de Lemos e da Ribeira Sacra, están a obter excelentes cifras de afluencia turística como as que acabamos de salientar, que son froito dun traballo intenso e ben feito dende hai anos por este Equipo de Goberno. Por iso, a aposta que estamos facemos polo turismo é e seguirémolo facendo con firmeza, porque sabemos que é unha folla de ruta axeitada, porque somos conscientes de que é un motor económico, de desenvolvemento e de promoción fundamental para o noso Concello”.
Neste senso, José Tomé recordou que proba do traballo ben feito ó longo dos últimos anos dende o Equipo de Goberno é a recente obtención de 5 Q’s de Calidade Turística, outorgadas polo Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), a estas dúas oficinas de información municipal, a de Turismo e a do Peregrino, ademais da Torre da Homenaxe, o Miradoiro do Duque e o Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra”.
Finalmente, o Alcalde manifestou que “estou seguro de que neste ano 2025, se esta tendencia á alza se mantén, volveremos a alcanzar cifras históricas, nas que os nosos grandes eventos como o Entroido, a Feira Medieval, o Festival do Viño ou as nosas Festas Patronais e os Programas de Verán e de Nadal, entre outros eventos, contribuirán decisivamente a captar visitantes e turistas para Monforte”.