A feira de produtos ecolóxicos, Ágora Verde, celébrase do 23 ó 25 de agosto diante das Casitas da Compañía

22 de agosto de 2018. Monforte acolle por terceiro ano consecutivo, a feira de produtos ecolóxicos Ágora Verde, un evento organizado conxuntamente entre o Concello e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (CRAEGA). Esta edición, que vai celebrar do 23 ó 25 de agosto, terá como escenario a praza que está diante das Casitas da Compañía. Os diferentes stands estarán abertos de 11 a 22 horas.

Durante as tres xornadas o público atopará marmeladas, froitas, hortalizas, conservas de peixe, infusións e cervexas artesás, entre outros moitos alimentos certificados co selo de agricultura ecolóxica  . Por outra parte, haberá degustacións de balde para o público; unha delas será o xoves, 23 de agosto, ás 13 horas, e estará a cargo do chef monfortino Martín Mantilla.

 

A programación de Ágora Verde inclúe tamén actividades dirixidas ós máis pequenos da casa. Os nenos gozarán de obradoiros nos que poderán elaborar murais relacionados coa agricultura ecolóxica.

O Alcalde, José Tomé, apuntou que “esta feira busca achegar o produto ecolóxico a toda a poboación, así como fomentar a comercialización directa. Dende o Concello apoiamos a dinamización e a posta en marcha de emprendedores neste campo, precisamente por iso tratamos de darlles visibilidade con eventos deste tipo, intentando potenciar o consumo saudable entre a poboación”.

O mandatario local destacou que “a agricultura ecolóxica certificada ofrécelle ó noso rural unha nova alternativa, contribúe a xerar riqueza e novos empregos e, por iso, apostamos decididamente por iniciativas que, mediante colaboración entre Administracións públicas, como ocorre neste caso, permiten proxectos dinamizadores”.

O acto de inauguración de Ágora Verde será o xoves, ás 13 horas, asistirán o Alcalde, o Presidente do CRAEGA e o Vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo.