Investigadores de universidades españolas e estranxeiras participarán en Monforte no I Congreso Internacional da Sociedade Española da Historia da Educación

4 de setembro de 2018. Monforte acollerá a celebración do XX Coloquio da Historia da Educación – I Congreso Internacional, un evento da Sociedade Española da Historia da Educación (SEDHE) e que estará organizado polas Universidades galegas (Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela). A maiores, na súa organización colaboran as universidades de Florencia, Lisboa e Santa Catalina (Brasil).

 

O Coloquio da Historia da Educación vaise celebrar na Casa da Cultura, do 9 ó 12 de xullo de 2019.  

 

Durante catro xornadas, investigadores de universidades españolas e estranxeiras daranse cita na cidade do Cabe para tratar cuestións transversais na educación, como son as identidades o internacionalismo e o pacifismo.

 

Durante a presentación, o Alcalde estivo acompañado do Presidente do Comité Organizador, Xosé Manuel Cid; da Secretaria do Comité, María Victoria Carrera; e do presidente da Sociedade Española da Historia da Educación, Eugenio Otero.

 

 

O rexedor, José Tomé, apuntou que “é unha verdadeira honra que a nosa cidade se sume ó listado de localidades españolas que acolleron edicións anteriores deste evento; como é o caso de Sevilla, Granada, Oviedo, San Sebastián, ou Santiago de Compostela, por citar só algúns exemplos”. 

 

O Alcalde engadiu que “estes coloquios da Historia están consolidados no tempo, posto que se veñen celebrando dende hai 36 anos, concretamente, o primeiro deles foi en 1982, na localidade madrileña de Alcalá de Henares. Eu creo que era necesario que a cidade do Cabe fose tamén un dos escenarios desta cita, xa que Monforte goza dunha consolidada tradición escolar”.

 

Pola súa parte, o Presidente do Comité Organizador do XX Coloquio de Historia da Educación, Xosé Manuel Cid, destacou que "o evento será unha oportunidade única para intercambiar ideas. A maiores, haberá actividades complementarias, como por exemplo, visitas ós viñedos da Ribeira Sacra ou ó colexio dos Escolapios e mesmo exposicións na propia Casa da Cultura". 

 

 

As persoas interesadas en achegar suxestións respecto dos obradoiros a desenvolver no marco deste foro, poderán facer as súas aportacións ata o 25 de outubro, mentres que o prazo de presentación de comunicacións para o XX Coloquio de Historia da Educación permanecerá aberto ata un mes máis tarde.

 

A información sobre os prazos e prezos das taxas de inscrición este congreso científico, así como o programa de actividades complementarias poderán consultarse ao longo deste mes na páxina web da Sociedade Española de Historia da Educación (SEDHE).