22 de novembro de 2018. O Pavillón Municipal da Pinguela acolle este sábado pola mañá, 24 de novembro, a cuarta edición da Xuntanza de Judo, organizada polo Concello de Monforte e o Club Educa Judo. O evento vaise celebrar entre as 12 e as 13:30 horas.
A previsión é que se dean cita ó redor de 160 nenos dos centros educativos de Monforte e tamén do Barco de Valdeorras que practican este deporte ó longo do ano.
A xuntanza servirá para que os rapaces poñan en práctica as súas habilidades técnicas, así como para que compartan experiencias con nenos e nenas doutros centros educativos.
Trátase dun evento non competitivo que se enmarca na filosofía do Club Educa Judo e que se centra no aspecto máis educativo do deporte.
Ó finalizar o evento, tódolos nenos participantes recibirán unha medalla.
É a primeira vez que Monforte acolle esta xuntanza que, nas edicións anteriores, se celebrou no Concello do Barco de Valdeorras, en Ourense.