Monforte súmase á campaña Violencia en Negro coincidindo coa celebración do día Internacional contra a Violencia de Xénero

16 de novembro de 2018. O Concello de Monforte conmemora o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, coa adhesión á campaña colectiva Violencia en Negro, coa que se pretende sensibilizar á sociedade para rexeitar os malos tratos dos homes sobre as mulleres.

 

A concelleira de Cultura, Marina Doutón, destaca que “como membros da campaña Violencia en Negro, adquirimos o compromiso político e técnico de espallar esta acción e mobilizar á poboación, ós axentes sociais e económicos para tinguir de negro a nosa cidade”. Por outra parte, Doutón apunta que “o que se trata é de realizar unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas. Calquera persoa pode participar tinguindo o seu comercio, lugar de traballo ou mesmo as ventás da súa propia casa de cor negra”.

 

Ademais de Monforte, hai outro cento de concellos galegos que forman parte desta campaña, así como tres das catro Deputacións provinciais.

 

Cadea humana ó redor do Cabe

 

O acto principal para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero celébrase o venres, 23 de novembro, no Parque dos Condes. Ese día, a concelleira de Cultura será a encargada de ler o manifesto, ás 12 horas.

 

Trala lectura, alumnos de 6º de Primaria e de 4º da ESO dos centros educativos de Monforte formarán unha cadea humana para rodear o río Cabe dende a Ponte Nova ata a Ponte Vella. “Con este acto simbólico, queremos tinguir de negro un dos espazos máis emblemáticos da nosa cidade, o río”, explica Marina Doutón, “pero tamén queremos facer un chamamento a tódolos veciños que queiran mobilizarse contra a violencia machista para que ese día se sumen a formar parte da cadea humana. Cantos máis sexamos, mellor”. A realización desta cadea humana obrigará a cortar o tráfico sobre a Ponte Vella durante uns 5 minutos. Polo tanto, non se vai poder circular pola rúa Méndez Casal e o tráfico desviarase pola rúa Abeledos ata a circunvalación.

 

Por outra parte, as persoas que queiran expresar o seu rexeitamento e condena á violencia de xénero, poden dirixirse ó Concello para asinar nun libro. Estará nunha mesa á entrada da Casa Consistorial entre o 23 e o 30 de novembro.

 

 

Ademais, o xoves, 29 de novembro, vaise proxectar a curtametraxe Miña. Será na Casa da Cultura de 16 a 18 horas.

 

Mesa de Coordinación para a mellora da atención ás vítimas

O venres, 30 de novembro, o Centro Cívico Social vai ser escenario da Mesa de Coordinación para a mellora da atención ás mulleres vítimas da violencia de xénero. Será de 11:30 a 14:30 horas. Todas estas actividades están coordinadas polo Concello de Monforte a través do Centro de Información á Muller (CIM).