Novos firmes para as rúas Corredoira e Abeledos e dotación de beirrarúas entre o Hospital e a Ronda María Emilia Casas

2 de novembro de 2018. O Concello vai acometer novas obras de mellora no barrio do Hospital. O Alcalde, José Tomé, anunciou que se vai actuar nas rúas Abeledos e Corredoira: “neste momento estamos en fase de contratación da obra en Abeledos, dende a rúa Saviñao ata a rotonda da Ronda María Emilia Casas Baamonde. Imos dotar a zona dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente, ademais, instalaremos unha nova sinalización vertical e horizontal”.

Por outra parte, o rexedor explicou que “na rúa Corredoira levaremos a cabo unha mellora do firme con aglomerado en quente. Neste caso, será dende o Restaurante Carballo ata a rotonda, e dende a rotonda ata a estrada de Currelos”.

A obra programada polo Concello inclúe a construción das dúas beirarrúas no tramo entre a entrada ó Hospital e Ronda María Emilia Casas, o que tamén suporá  unha redifinición do espazo destinado ó estacionamento de vehículos.

 

Tres proxectos para o barrio do Hospital

En primeiro lugar, a empresa Taboada e Ramos realizará a nova capa de rodadura. A previsión é que a obra comece ó longo dos próximos meses, todo dependerá das condicións climatolóxicas.

Posteriormente, outra empresa contratada polo Concello encargarase de executar a construción da beirarrúa pegada ó Hospital.

Polo que respecta á beirarrúa da marxe esquerda, a obra será realizada pola empresa de Mercadona. Esta actuación forma parte dun proxecto que a superficie comercial acometerá para ampliar as súas instalacións en Monforte.

 

Ampliación da superficie comercial de Mercadona

 Durante a presentación da obra nas rúas Corredoira e Abeledos por parte do Concello, o Alcalde compareceu acompañado da Xerente de Relacións Externas de Mercadona, Mariña Rivas. Ámbolos dous aproveitaron para anunciar a ampliación da superficie comercial do establecemento.

“O proxecto de reforma e ampliación de Mercadona ten xa a licenza do Concello, polo tanto, as obras comezarán en breve. Concretamente, vaise proceder á ampliación do soto e do andar baixo. Esta obra vaise traducir nunha ampliación da superficie comercial e do espazo destinado ó estacionamento dos clientes”, avanzou o Alcalde.

Concretamente, Mercadona dispón de 4.433 metros cadrados. Coa reforma programada, pasará a ter algo máis de 7.400 metros cadrados.

O investimento do proxecto de ampliación de Mercadona ascende a  2.009.862 euros.

José Tomé subliñou que “para Monforte é unha boa noticia que as superficies comerciais, como é o caso de Mercadona ou Lidl, realicen ampliacións importantes dos seus negocios. Isto demostra a confianza no futuro da nosa cidade e da nosa economía”.