O Alcalde denuncia que Ethel Vázquez descoñece que dispón do informe favorable para conectar o Porto Seco coa N-120

1 de decembro de 2018. O Alcalde denuncia que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade descoñece que dispón xa do informe favorable do Ministerio de Fomento para avanzar no proxecto do enlace do Porto Seco coa estrada N-120, un permiso que este departamento do Goberno galego recibiu o pasado 21 de agosto.

 

É o que revelou José Tomé logo de que a conselleira, Ethel Vázquez, lle solicitase ó rexedor a súa colaboración para que o Goberno central axilizase esta xestión: “durante a visita ás rotondas da Ronda María Emilia Casas o 12 de novembro, a Conselleira de Infraestruturas pediume que lle botase unha man no asunto, e sorprendentemente, comprobo que este departamento da Xunta xa dispón do documento necesario”.

 

“Eu fixen as xestións ás que me comprometera coa Conselleira”, detalla o rexedor, “pero a miña sorpresa foi maiúscula cando dende Demarcación de Estradas, dependente do Ministerio de Fomento, me entregaron copia do escrito de resposta á Xunta. Nese documento xa se informa favorablemente da viabilidade da actuación solicitada polo Goberno galego, concretamente, con data de 21 de agosto de 2018”.

 

Por outra parte, o Alcalde apunta que “curiosamente, consta que o escrito da Xunta, solicitando o informe do Ministerio, entrou en Demarcación de Estradas o 12 de xuño de 2018. Nesa data xa deixara de gobernar Mariano Rajoy, polo tanto, o Goberno galego estaba metendo présa ó Goberno de Pedro Sánchez, que acababa de chegar”. 

Desprezo da Consellería de Infraestruturas a Monforte

Para o Alcalde, “isto demostra que a Conselleira non se entera ou mente de xeito descarado. Ademais, proba que o seu Departamento carece de proxecto para acometer esta obra”.

José Tomé destaca que “eu defendo os intereses de Monforte. Precisamente por iso, díxenlle á Conselleira de Infraestruturas que contara coa miña colaboración, que faría as xestións que estiveran na miña man para acelerar o procedemento”.

 

O mandatario local cualifica de “realmente grave a situación, xa que supón un desprezo ós monfortinos, unha vez máis, o Porto Seco emprégase para facer política e provocar confrontación entre administracións. Queda claro que a Xunta non ten xa ningún impedimento para facer esta obra, só falta vontade”.

 

José Tomé manifesta que “a ver que explicación dan agora dende a Consellería de Infraestruturas, porque ó Alcalde de Monforte non lle vale a calada por resposta. A Conselleira Ethel Vázquez quixo utilizarme diante do Ministerio, cando realmente o problema xa estaba resolto”.  

 

O Alcalde detalla que “dende a Xunta non poden alegar ignorancia, porque a propia Demarcación de Estradas sinala no documento que a normativa técnica pode consultarse na páxina web do Ministerio de Fomento. Espero que a administración autonómica poña as pilas e redacte o proxecto canto antes, para realizar as obras deste tramo de acceso que falta”.

 

Para o mandatario local, “isto demostra que eu tiña razón cando dixen que os 750.000 euros dos orzamentos da Xunta tampouco se van gastar en 2019, un ano máis son nun paripé”.