9 de novembro de 2018. Poñer en valor os recursos turísticos do Concello de Monforte é o obxectivo dun proxecto de mellora de sinalización que deu a coñecer o Alcalde, José Tomé. As novas sinais van permitir que os condutores e os cidadáns poidan chegar con máis facilidade ó Mirador do Duque e ó Museo do Ferrocarril de Galicia.
O mandatario local fixo especial fincapé no caso do Mirador do Duque, “queremos que dispoña de boa sinalización xa que acometeremos unha actuación para poñer en valor este espazo, unha das zonas máis bonitas da Ribeira Sacra”.
Por outra parte, o proxecto contempla melloras para poder chegar a outros puntos de interese da cidade, como é o caso do Colexio dos Escolapios, o Museo de Arte Sacro, a estación de RENFE, o Casco Histórico, o Burgo Medieval, a Oficina de Información de Turismo e o Hospital.
Mirador do Duque
-Panel de dobre cara (3 metros de longo e 2’27 metros de altura)
Ubicación: estrada de Monforte a Castro Caldelas, á altura da pista pola que se accede ó Mirador.
-Catro sinais direccionais: unha na rotonda por baixo da N-120, outra na confluencia da rúa de Castro Caldelas con Francisco Moure (dirección Gullade) e as outras dúas nos cruces da pista que da acceso ó propio Mirador, na contorna de Palleiros.
Museo do Ferrocarril de Galicia
-Dous paneis na rúa Morín (de 1’50 metros por 1’20 metros), concretamente nas proximidades do cruce coa rúa Juan Montes.
Catro mástiles no casco urbano
1. Na rúa Chantada, sentido entrada a Monforte na unión coa rúa Manuel María, diante dun establecemento de compra-venda de vehículos. Neste caso, as sinais informarán de: Oficina municipal de Turismo, Museo do Ferrocarril de Galicia, Museo de Arte Sacro das Clarisas e os Escolapios e a súa Pinacoteca.
2. Na Florida, fronte á casa do garda barreiras: Estación de RENFE, Museo do Ferrocarril de Galicia e Mirador do Duque.
3. O terceiro poste estará na esquina da confluencia da rúa San Pedro con Doutor Casares, na beirarrúa da estación de autobuses. Desde este punto informarase ós cidadáns da Oficina municipal de Turismo, do Museo do Ferrocarril e do Mirador do Duque.
4. Finalmente, o cuarto mástil vaise localizar á saída da Praza da Estación. Dende alí a información será: Oficina municipal de Turismo, o Museo do Ferrocarril e o Mirador do Duque.
O investimento destinado a este proxecto de sinalización ascende a 14.000 euros. Desa cantidade, a Xunta de Galicia aporta o 65%; mentres que as arcas municipais destinan o 35% restante.
Renovación doutros tres puntos informativos
O Alcalde anunciou tamén que o Concello vai renovar outros 3 puntos informativos ubicados na Avenida de Galicia, na rúa Cardenal e na rúa Doctor Casares: “neses 3 postes informativos haberá 2 bandexas indicando o Casco Histórico e o Burgo Medieval”, explicou José Tomé.
O rexedor engadiu que “no caso concreto da que está ubicada na rúa Doctor Casares, ademais das dúas citadas, haberá unha terceira que indique o Hospital comarcal”.
José Tomé apuntou que “con estas actuacións queremos que os cidadáns que nos visitan poidan chegar con facilidade ós puntos máis relevantes da cidade: os Escolapios, o Museo de Arte Sacro, o Museo do Ferrocarril, o Mirador do Duque, a Estación de RENFE, o Casco Histórico, o Burgo Medieval e por suposto, a Oficina de Información de Turismo”.