Monforte de Lemos, 29 de agosto de 2019. A praza de España de Monforte acolle este sábado 31 de agosto ás 21:00 horas a celebración dunha cita clásica do verán musical monfortino: o Festival de Habaneras Concello de Monforte de Lemos que cumpre a súa vixésima edición e que organiza a Concellería de Cultura coa colaboración coa Deputación de Lugo.
O Festival de Habaneras alcanza as 20 edicións avalado polo éxito de público das citas de anos anteriores e, fundamentalmente, pola calidade dos grupos que participan en cada un dos certames.
O cartel deste ano está conformado por dúas corais de contrastado prestixio, as que se une a Coral Polifónica do Concello de Monforte.
A Coral Polifónica “Marusía”, de Bueu, foi fundada no ano 1995 por un grupo de amigos nos que está incluído o seu director, Antonio Davila. Logo dun ano de preparación, tivo
lugar a súa primeira actuación o día 11 de novembro de 1996 na igrexa parroquial de S. Martín de Bueu, con motivo das Festas Patronais.
Ó longo de todos os anos seguintes, participaron en numerosos concertos, misas e vodas nas catro provincias galegas.
Así mesmo organizan dous concertos ao ano, con catro corais invitadas en cada concerto. Son membros da Federación Coral Galega (FECOGA).
A Coral Capilla de la Torre, de Villaviciosa, inicia a súa formación en setembro de 1993. Ata 1996 a Coral estivo dirixida por Asunción Cristóbal Rubio; a continuación faise cargo da súa dirección José Manuel Ovín de la Vega, e desde novembro de 1997 ata 2006 a dirección execútaa Roberto Menéndez del Campo.
No seu décimo aniversario, en 2003, grava un CD con 18 cancións de folclore asturiano, estándares e polifonía relixiosa. Ten participado en numerosos concursos, encontros e concertos en toda España e en diversas localidades do veciño país de Portugal nos que desenvolve un amplo repertorio de música polifónica.
Na actualidade, está integrada por 32 voces mixtas e está dirixida de novo desde o ano 2006 por José Manuel Ovín de la Vega.
A Coral Polifónica do Concello de Monforte de Lemos Fúndase en marzo de 1996 e está composta por 45 voces mixtas. O seu repertorio inclúe música sacra, popular galega, habaneras, polifonía en castelán, panxoliñas…Ten no seu haber numerosas actuacións a nivel provincial, autonómico, nacional e internacional.
Na nosa comunidade a coral polifónica de Monforte actuou en Ribadeo, Cee, Marín, Ourense, Pontedeume, O Grove, Mondoñedo, Lugo, Vigo, Pontevedra, etc...Así como en distintas partes do Estado como en León, Zamora e en varias localidades Asturianas como Cudillero, Villaviciosa, Mieres, La Felguera, etc..
Destacan a nivel internacional actuacións en Martigni (Suiza), Rennes (Francia), Cerdeña, Bolzano e Padua (Italia), Gotha (Alemania), Helsibor (Suecia), Oporto e Guimaraes (Portugal).
No ano 1999 gravou un CD de polifonía variada.
A dirección da coral corre a cargo de Fernando Sanmartino Pérez. Formouse musicalmente nos conservatorios de Ourense, A Coruña e Santiago. Foi director da Coral de Samos. Na actualidade compaxina a dirección da Coral coa de director do Conservatorio Municipal “Mestre Ibáñez” de Monforte de Lemos.