Monforte de Lemos, 25 de outubro de 2019. O Concello de Monforte celebrará os días 2 e 3 de novembro o tradicional Mercado de Outono na Praza de Abastos de Monforte. Neste espazo vai ser posible adquirir produtos desta tempada, como mel, pementón, cogomelos, castañas, noces, marmeladas, sidra, doces, queixos ou embutidos. En total serán 14 postos de venda directa deste tipo de produtos.
Este mercado de produtos naturais e típicos de outono abrirá as súas portas o sábado 2 de novembro de 10 a 14 horas, e tamén pola tarde, de 17:00 a 20:30 horas. No caso do domingo 3, o seu horario só será de 10:30 a 14 horas.
O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que “con esta actividade contribuímos a poñer en valor os produtos típicos do outono. Por outra parte, potenciamos o comercio local e de proximidade, axundando a dinamizar e crear atractivos comerciais”.
Actividades para toda a familia
Dentro do Mercado de Outono haberá un espazo destinado ós mais cativos, a chamada “Pequepraza” onde se farán actividades destinadas a nenos e nenas co obxectivo de familiarizalos coa Praza de Abastos.
Nesta ocasión, programáronse dende o Concello as seguintes actividades, dirixidas tanto a nenos e nenas coma a público adulto:
Sábado 2: O Samaín na praza
11:00 a 14:00 –Showcooking do Samaín para nenos/as. A partir de 5 anos, elaboración de doces e salgados terroríficos para esta data.
17:30 a 20:30- Festa do Samaín: disfraces, maquillaxe, baile, obradoiro de cabazas (traer cabazas, preferiblemente baleiras)
18:00.- “O mundo das abellas, a colmea e a produción da mel, degustacións” - Xornada didáctica para nenos/as a partir de primaria e adultos
Domingo 3:
11:00 a 14:00- Showcooking para adultos Cociña de outono- elaboración de pratos con produtos típicos do outono: 1º-2º e sobremesa, todo con degustacións.
12:00- Contacontos do outono
Todo aquel que desexe ter máis información das actividades programadas poderá consultalas na Oficina de Promoción Económica do Concello de Monforte (Casitas da Compañía) ou ben chamando ós teléfonos 982 884 775 ou 698 181 555.