Monforte de Lemos, 14 de marzo de 2019. A Praza Luís de Góngora, situada xunto ó Palacio Condal e a igrexa de San Vicente, xa ten desde onte o alumeado público en funcionamento.
Dende facía moitos anos non había luz pública na praza xunto ó Parador xa que a única luz que funcionaba estaba situada na fachada do Palacio Condal que pertence á Rede de Paradores. Resultaba curioso que habendo na praza 4 báculos con farolas tipo “villa” e tamén outras 2 farolas tipo “villa” no lateral da igrexa, ningunha delas funcionaba, porque cando se fixeron as obras de acceso a San Vicente, deixáronas sen instalación eléctrica, e polo tanto non lles chegaba enerxía.
Agora corriximos esta anomalía tanto na praza coma no lateral da igrexa, pasando de ter unha praza case a escuras, a estar ben iluminada, que consideramos moi relevante por ser un punto de interese turístico, cultural e relixioso.
As obras que foi necesario realizar, consistiron en levantar o pavimento de baldosas de pedra natural e demoler parte da soleira de formigón nunha profundidade de 15 centímetros, para facer unha gabia e colocar a canalización e as arquetas.
Unha vez rematado o cableado volveuse a reencher esa gabia e a colocar a pedra que foi necesario extraer, para que deste xeito a obra non teña impacto no entorno da praza.
Polo que respecta ó lateral da igrexa, para dotar de enerxía ás 2 farolas tipo “villa” ubicadas fronte á praza, colocáronse de xeito discreto, tubos de aceiro inoxidable lacado acordes coa zona monumental, evitando deste xeito impactos inaxeitados.
Este proxecto tivo un custe de 10.340 euros, sendo executado pola empresa monfortina INTELGA, cuxas obras foron coordinadas coas do lateral da igrexa.
Con esta actuación mellora notablemente a iluminación da zona monumental de San Vicente, contribuíndo a poñer en valor un recurso turístico e cultural de indubidable valor.