Monforte de Lemos, 26 de agosto de 2019. Na Xunta de Goberno do Concello de Monforte, celebrada na mañá de hoxe, o Equipo de Goberno ven de aprobar as bases reguladoras para a concesión de subvencións a asociacións ou entidades sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de actuacións no ámbito dos servizos sociais no ano 2019.
Así, esta convocatoria pública ten por obxecto regular o procedemento de concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva destinadas a entidades e asociación sen ánimo de lucro que realicen proxectos de prestación de servizos sociais no Concello de Monforte de Lemos para o ano 2019. As axudas outorgaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación.
O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que “reafirmamos o noso compromiso coas persoas e cos servizos sociais, que son unha prioridade para este Equipo de Goberno. Porque o noso obxectivo é fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios de entidades de iniciativa social previamente inscritas no Rexistro municipal de asociacións atendendo ó seu interese social, calidade, carácter innovador e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios”.
A contía destinada a estas subvencións para o ano 2019 ascende a 12.000 euros, sendo 2.000 euros a contía máxima de subvención por entidade. O importe máximo da subvención para cada proxecto ou actividade non poderá exceder do 70% do seu orzamento.
Requisitos
Poderán ser beneficiarias das subvencións as entidades de iniciativa social ás que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, que realicen actividades ou desenvolvan proxectos de interese social para o municipio no ámbito dos servizos sociais e que soliciten subvención con cargo a esta convocatoria e reúnan á finalización do prazo de presentación de solicitudes os seguintes requisitos:
- Ter a súa razón social ou sede no Concello de Monforte de Lemos.
- Carecer de ánimo de lucro.
- Estar inscrita no Rexistro municipal de asociacións do Concello de Monforte de Lemos como asociación de clase asistencial.
- Estar ao corrente das súas obrigas tributarias co Concello, coa Seguridade Social e Axencia Tributaria.
- Non incorrer en ningún dos supostos de prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións públicas previstos na Lei 9/2007, do13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
- Que a actividade para a que solicitan a subvención estea prevista dentro dos obxectivos da entidade e acorde co establecido na base terceira das bases reguladoras e recollidos nos seus estatutos fundacionais.
- Ter xustificado debidamente as subvencións municipais recibidas con anterioridade nos termos que se fixasen nas correspondentes convocatorias.
Quedan excluídas para estas subvencións, as entidades e asociacións de carácter exclusivamente cultural, veciñal, xuvenís, deportivas, ANPAS e profesionais.
O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, publicación que se prevé sexa nos vindeiros días.