Monforte de Lemos, 27 de agosto de 2019. A Xunta de Goberno do Concello de Monforte aprobou, o pasado luns, as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a celebración de festas de barrios e parroquias no exercicio 2019.
Deste xeito, esta convocatoria pública ten por obxecto apoiar ás iniciativas, actuacións e programas para a dinamización da vida cultural do Concello de Monforte, sendo actividades que complementen os programas dos servizos culturais municipais, dentro do seu marco de competencias e dirixidos á comunidade en xeral.
O Alcalde, José Tomé Roca, indicou que “dende o Concello, como nos exercicios anteriores, preténdemos apoiar e incentivar a realización de actividades culturais, mediante o outorgamento de subvencións, á promoción e organización de actividades culturais e artísticas vinculadas á cultura popular e tradicional entendendo por cultura popular e tradicional en especial, as festas, as tradicións, os costumes, a música, os bailes e danzas, as representacións, o folclore, así como calquera outra manifestación de carácter popular e tradicional nos barrios e parroquias deste Concello”.
A contía destinada a estas subvencións para o ano 2019 ascende a 17.500 euros. O importe de cada subvención non poderá superar os 500 euros por anualidade no caso de festas parroquiais, e os 910 euros por anualidade no caso de barrios da cidade. En todo caso a achega será proporcional ao numero de solicitudes presentadas e aceptadas.
Obxectivos das axudas
En concreto estas subvencións terán como obxectivo:
- Fomentar e promover a organización de actividades, programas e eventos culturais na nosa cidade por parte de asociacións e colectivos culturais, completando a oferta cultural deseñada polo Concello.
- Promover con especial atención ás iniciativas de asociacións na busca de novos procesos creativos.
- Promover e apoiar o asociacionismo cultural na nosa cidade.
- Apoio a realización de eventos culturais especialmente dirixidas á xuventude.
- Estreitar a coordinación entre o Concello e os colectivos culturais monfortinos para aproveitar as sinerxías acadando unha maior calidade e eficiencia nas accións culturais.
- Apoiar ás asociacións de veciños, organizadores de festas patronais e outros actos tradicionais de parroquias e barrios do municipio.
Requisitos
Poderán solicitar estas subvencións todas as parroquias e barrios do Concello de Monforte de Lemos que promovan festas populares, actuando como representantes os organizadores das mesmas e sempre que xustifiquen:
- Carácter tradicional dos actos para os que solicita a axuda.
- Non ser debedor do Concello por calquera tipo de débeda de dereito público.
- Non ser debedor coa facenda pública e coa Seguridade Social.
- Declaración responsable na que consten as subvencións e/ou axudas solicitadas para a mesma finalidade, con expresión da súa contía, comprometéndose a comunicarlle ao Concello a concesión de calquera outra axuda de Entes públicos ou privados.
- Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario das subvencións previstas no art. 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
O prazo de presentación de solicitudes será ata o 4 de outubro, e nos vindeiros días será publicada a convocatoria tanto no Boletín Oficial da Provincia coma na sede electrónica do Concello.