Ata finais de xaneiro está aberto o prazo para inscribirse na cuarta edición do Coworking de Expolemos

16 de xaneiro de 2019. Conta atrás para a posta en marcha da cuarta edición do espazo Coworking de Monforte de Lemos, que estará ubicado nas instalacións de Expolemos e que comezará o vindeiro mes de febreiro.

 

As persoas interesadas en poñer en marcha algunha nova idea de emprendemento na comarca poden realizar a súa inscrición para recibir asesoramento a través do seguinte enlace https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/monforte-de-lemos-4a-edicion. Poderán participar persoas de tódalas idades que teñan en mente un proxecto de calquera sector, xa sexa turístico ou agrícola, entre outros.

 

No espazo Coworking de Monforte de Lemos os participantes recibirán, sen ningún tipo de custe para eles, asesoramento e un apoio integral para poder poñer en marcha as súas empresas. Os emprendedores atoparán un espazo de traballo en Expolemos con aulas e salas de reunións nas que recibirán formación e disporán dun mentor que os axudará a validar e lanzar o seu proxecto.

 

O Alcalde, José Tomé Roca, lanza unha mensaxe para animar á xente a presentar as súas propostas: “a aceleradora de empresas vai ser unha moi boa oportunidade para impulsar novos proxectos na nosa comarca. Nun momento como o actual, precisamos máis que nunca ideas que permitan xerar novos postos de traballo”.

 

O espazo Coworking ofrecerá asesoramento durante 5 meses, aproximadamente. O programa está concibido para emprendedores que aínda non constituísen a súa empresa, pero ademais, poderán participar as persoas que estean nunha fase inicial de desenvolvemento do seu proxecto.

 

As persoas interesadas en recibir máis información ou que desexen inscribirse poden facelo na oficina da axente de desenvolvemento local do concello de Monforte, nas Casitas da Compañía.