Celebración en Monforte do Día Internacional contra o Racismo e a Xenofobia

Monforte de Lemos, 21 de marzo de 2019. Na mañá de hoxe conmemorouse en Monforte o Día Internacional contra o Racismo e a Xenofobia.

As familias de etnia xitana do poboado de As Lamas reivindicaron ás Administracións públicas, ós colectivos e sociedade en xeral o recoñecemento e respecto dos seus  dereitos como persoas humanas mediante a  lectura dun manifesto baixo o lema “Loitemos por unha soa raza: A raza humana” e que tivo lugar na rúa Cardeal de Monforte de Lemos ás 12:30 h.

A representación do equipo de goberno do Concello neste acto correu a cargo de Gloria Prada, 1ª Tenente de Alcalde e Concelleira de Facenda, Réxime Interior, Servizos Sociais e Discapacidade.

As familias de As Lamas, con este acto, quixeron sensibilizar á poboación sobre as situacións de discriminación que sofren  e concienciar para que as diferencias culturais non sexan unha barreira para a inclusión na sociedade.

Proxecto Vivenda 10

Neste senso, o Concello de Monforte desenvolve desde novembro de 2016 o “Proxecto Vivenda 10”, que ten como finalidade promover a inclusión social e mellorar as calidade de vida das familias de etnia xitana que actualmente residen no poboado de As Lamas, a través do  apoio técnico e acompañamento personalizado por parte dunha educadora que facilite o proceso de realoxo a unha vivenda normalizada, así como actuacións de mediación intercultural.

O proxecto está prorrogado ata novembro de 2019 e enmarcase dentro do Programa de Inclusión Social de colectivos con dificultades de integración social e  está subvencionado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e cofinanciado Fondo Social Europeo 2014-2020.