Conferencia “Os Franceses en Monforte: Historia de 3 invasións” a cargo de Margarita Rodríguez Otero

Monforte de Lemos, 27 de maio de 2019. O vindeiro venres 31 de maio a partires das 20:15 horas no Salón de Actos do Centro do Viño de Monforte terá lugar a segunda das actividades que se engloban baixo o título “1809: Os Franceses en Monforte”, ciclo que ten por obxectivo conmemorar os sitios de Monforte polas tropas napoleónicas no seu 210 aniversario, e que foi presentado o pasado mes de marzo no Concello de Monforte. Este ciclo, organizado dende a concellería de Cultura, faise en colaboración coa asociación de Amigos Patrimonio de Lemos.

A primeira das actividades, que xa se puxo en marcha e estase a desenvolver actualmente, consiste no desenvolvemento de 9 ciclos de charlas nos centros educativos monfortinos, que corren a cargo de Felipe Aira e que teñen por obxectivo achegar aos escolares este período descoñecido pero importante da historia de Monforte.

O vindeiro venres, terá así lugar a segunda das actividades previstas;  neste caso, consistirá nunha conferencia titulada “Os franceses en Monforte: Historia de tres invasións”, charla que será impartida por Margarita Rodríguez Otero.

 

Margarita Rodríguez Otero

Margarita é técnica superior en relacións industriais pola Universidade de Alcalá de Henares e desde 1977 é asesora laboral e fiscal con despacho en Monforte. Foi vicepresidenta da Asociación de Mulleres Empresariais de Lugo (1975) e formou parte da primeira Xunta Xestora da Asociación de Empresarios de Lugo (1976).

En 1979 foi número un nas listas municipais do Concello de Monforte polo PSOE. De 1983 a 1987 continuou coma concelleira e deputada provincial en Lugo, delegada de Cultura e Deportes no Concello de Monforte (1987) e deputada no Parlamento de Galicia na terceira lexislatura (1989).

En decembro de 2006 foi nomeada Cronista Oficial da cidade de Monforte de Lemos. E ademáis é escritora de investigación histórica, especializada en temas de historia de Galicia y de Monforte.

 

210 anos da presencia das tropas francesas en Monforte

No ano 2019, cúmprense 210 anos dos 3 asaltos a Monforte polas tropas francesas. Desde a Asociación Amigos do Patrimonio de Lemos e o Concello de Monforte, organízase este ciclo de actividades para celebrar esta efeméride como corresponde.

Para iso creouse unha comisión encargada de elaborar un programa de eventos e actividades que pretenden, ao longo do ano 2019, celebrar unha serie de actos para que estes feitos históricos teñan a divulgación e o protagonismo que lles corresponde dentro das batallas que se libraron na Guerra de Independencia contra os franceses en Galicia.

Deste xeito, coincidindo co terceiro sitio (do 4 ao 11 de xuño) ao que someteron os franceses á cidade de Monforte, celebraranse 2 conferencias arredor desta temática e que correran a cargo de Margarita Rodríguez Otero (a que terá lugar este venres 31 de maio) e de José Fernando Navas Ramírez-Cruzado, prevista para o 7 de xuño, baixo o título “Guerra de la Independencia en Galicia. El Batallón de Monforte y la heroica gente de Lemos”.

 

 

Conmemoración dos enfrontamentos coas Tropas Napoleónicas en 1809

Poucas veces na historia os monfortinos amosaron tanta determinación como en 1809 para expulsar ós franceses da nos aterra. Este episodio, tráxico, no que desapareceu unha porcentaxe de poboación que alcanza as 400 persoas, é descoñecido.

Nas crónicas de guerra contra o invasor Monforte non aparece coma un escenario onde se desenvolveu un enfrontamento entre dous exércitos, con artillería ou grandes movementos de tropas. Pero sufriu 3 asedios nos que se contabilizaron máis mortes que noutras batallas que si adquiriron fama.

O primeiro sitio en Monforte, que tivo lugar o 18 de xaneiro de 1809, case coincidiu coa famosa batalla de Elviña (16 de xaneiro); o segundo sitio, acaecido o 20 de abril, coincide tamén coa batalla no Casal de Eirigo (27 de abril); e o terceiro, entre o 4 e o 11 de xuño, sucede simultaneamente coa batalla de Ponte Sampaio (do 7 ó 9 de xuño).

Para facerse unha idea das consecuencias que tiveron estes sitios baste mencionar dous datos extraídos do libro de defuncións da igrexa de Santa María de Régoa: en todo o ano 1808 recóllense 330 falecidos, e no día 20 de abril de 1809 a cantidade é de 400 mortos.

En Monforte creouse unha das primeiras Xuntas de Defensa de Galicia, dirixida polo abade do Mosteiro de San Vicente do Pino, frei José Beda Peña. O Batallón de Monforte foi o primeiro en loitar en Galicia contra os franceses, sendo a primeira rexión de Europa en sacudirse a ocupación napoleónica; seguiría loitando ata 1814. Ambos organismos foron eloxiados polos seus contemporáneos con entusiasmo; pero hoxe nada os lembra na cidade.

Moitos escoitamos falar do mariscal Soult ou dos Dragóns de Fournier, pero moi poucos da súa relación con Monforte. Aínda menos serán os que coñezan a actividade nas nosas terras do capitán Antonio Ponce e de García de Barrio. Pero o máis grave é que ninguén lembre os miles de paisanos que falaban galego “con acento do Val de Lemos e a peito descuberto”, como escribiu Lois Diéguez, e que colectivamente foron protagonistas dos feitos.

Non importan as razóns que os moveron e se realmente a causa pagaba a pena. O que hai que valorar é que as conviccións dos nosos antepasados eran tan fortes que os impulsaron a actuar con decisión e asumir unhas consecuencias irreversibles. Só por iso, tanto os falecidos como os que sobreviviron facendo fronte á ocupación, resistindo na terra ou loitando ata o final da guerra, merecen que os rescatemos do esquecemento.