Monforte de Lemos, 28 de agosto de 2019. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou na tarde de hoxe a 20ª edición da Feira do Libro de Monforte. No acto estivo acompañado pola Presidenta da Federación de Libreiros de Galicia Pilar Rodríguez, a Xefa de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez, a Deputada de Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, así como diversos membros do Equipo de Goberno do Concello: a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, ou o Concelleiro de Servizos, José Luis Losada, así como a coordinadora da Federación de Libreiros de Galicia, Nani Regueira.
O pregón correu a cargo da poetisa de A Pobra do Brollón, Olga Novo, e a actuación da Banda de Gaitas de Monforte abriu os actos inaugurais.
A XX Feira do Libro poderá visitarse ata o sábado 31 de agosto. As casetas estarán abertas de 11 a 14 horas e durante a tarde de 19 a 22 horas. Serán catro xornadas de actividades nas que o público asistente poderá gozar de presentacións de libros, actividades infantís e sinaturas das obras por parte dos seus autores.
Na inauguración, o rexedor monfortino salientou que “Esta Feira de Monforte é unha moi boa oportunidade para acercarse á literatura e ademais poder mercar o libro que nos gusta a prezos moi interesantes cun desconto do 10%, que sempre é unha axuda.”
Do mesmo xeito, o Alcalde indicou que “dende o Concello de Monforte imos seguir apoiando e axudando a este tipo de eventos culturais, xa que a lectura é a mellor forma de aprender dun xeito ameno e divertido, tanto para os adultos como para os máis pequenos da casa”.
Deste xeito, continuou Tomé Roca “convido a todo o mundo a que a partir do vindeiro mércores, se achegue ás casetas da Feira do Libro, que estarán coma sempre instaladas nun marco incomparable como é a rúa Cardenal, para adquirir novos libros que de seguro, lles axudarán a descubrir novas historias e novos lugares.” Porque, seguiu o Alcalde “a Feira do Libro de Monforte é unha das citas obrigadas da tempada, na que teremos a oportunidade de participar e disfrutar de recitais literarios para gardar na nosa memoria”.