Mañá celebrarase o concerto de Corais de Nadal de Monforte na igrexa Nosa Señora da Antiga

Monforte de Lemos, 20 de decembro de 2019. Mañá sábado, 21 de decembro, ás 20 horas, a Igrexa Nosa Señora da Antiga-Colexio PP. Escolapios acollerá o tradicional concerto de Corais de Nadal do Concello de Monforte.

O Concerto de Corais de Nadal supón ano tras ano unha cita tradicional, moi querida e agardada polos monfortinos e monfortinas dentro da programación do Nadal da cidade do Cabe.

A actuación correrá a cargo da Coral RENFE de Monforte, da Coral Voces e Cordas de Sobrado do Bispo (Ourense) e da Coral Polifónica Concello de Monforte.

 

PROGRAMA Corais de Nadal 2019

 Programa

 

Coral RENFE de Monforte

A Coral Renfe foi creada o 10 de marzo do 1.960; a iniciativa partiu dun grupo de ferroviarios pertencentes ó extinguido Coro de Monforte que encabezados por Germán Arias Andrés fundou e dirixiu a Coral ata o ano 1992; durante os dous seguintes anos foi Alfonso Campos Pérez; perante 20 meses as tarefas de dirección recaeron Xoán Antón Vázquez Casas, de novo Alfonso Campos seguiu nesta tarefa ata principios do ano 2000 no que se fixo cargo Sara Somoza Vila. Posteriormente, e durante dous anos Eva Marcos López foi a responsable da dirección da Coral; dende o ano 2005 a responsabilidade da dirección recae no xoven Adrián Real; durante uns meses Beatriz Vázquez desempeñou esta labor e dende estes últimos 5 anos é Antoaneta Evdosieva Grudeva a directora titular da Coral.

Ó longo dos máis de 59 anos de existencia a Coral Renfe dispuxo de Grupo de Danzas, Grupo de Gaitas e un importante Grupo Artístico; así mesmo ó longo de todos estes anos realizou aproximadamente unhas 1200 actuacións e interpretou mais de 500 obras musicais de todos os estilos: clásica, sacra, moderna, panxoliñas, doutras nacionalidades e idiomas pero sobre todo rexional galega. Ten actuado en todas as capitais e cidades mais importantes de Galicia; tamén fíxoo en Madrid, Barcelona, Valencia, León, Xixón, Oviedo, Zaragoza, Palencia, Zamora, Ponferrada; no centenario da inauguración da chegada do ferrocarril a Monforte no ano 1983, na Primeira Feira Internacional de Folclore e Artesanía das Illas Canarias celebrada en Lanzarote; participou en catro ocasións no Certame Internacional de Música Sacra organizado pola Universidade Pontificia de Salamanca; participou no Centenario do Colexio Ferroviario de Monforte en 2007 así como na celebración do 125 Aniversario da chegada do Ferrocarril a Monforte no 2008. Asistiu en trece ocasións as Europeades celebradas en Bélxica (tres veces), Austria, Suíza (dúas veces), Francia (dúas veces), Alemaña, Portugal e nas cidades de Valencia, Marbella e Xixón. Participou en tres edicións nos Certames de Panxoliñas que organiza Caixanova en Vigo e A Coruña.

Ten editado o C.D. “Entre Amigos”, e todos os anos organiza un Festival dedicado a Asociación “Amigos da Coral Renfe” e outro de Panxoliñas; así mesmo realiza numerosos Encontros Corais nos que participan Agrupacións Corais de toda Galicia. As últimas actuacións celebrounas en Ferrol, Pontedeume, Vigo, Lugo, Verín, Ouveia (Portugal), Culleredo, O Saviñao, Ourense, Teo, Seoane do Caurel, Santiago, Sarria, Chantada e A Gudiña. Foi a primeira entidade monfortina que creou dúas Escolas Infantís de Gaita e Danza de onde saíron músicos que despois crearon e dirixiron importantes grupos. Así mesmo dirixiron agrupacións de danza.

E Membro-Fundador de FECOGA (Federación Coral Galega), da FEAF (Federación Española de Asociaciones Folklóricas) e da FGD (Federación Galega de Danza). Ademais de interpretar cancións relixiosas, realizan versións de cancións populares próximas á xuventude actual.

O programa da Coral RENFE de Monforte para este concerto é:

1- Navidad de Antonio Machín, adaptación de Alfonso Campos.

2- Vuelve a casa por Navidad, Popular (Arr. Antoaneta Evdosieva).

3- Llega el día, Coro de escravos Giuseppe Verdi.

4- A Belén vinde pastores, Panxoliña popular.

5- Suite comercial navideña, arranxo de José Bernardo Álvarez.

 

Coral Voces e Cordas de Sobrado do Bispo

Esta coral nace no ano 1986 froito da inquedanza musical das persoas deste pobo de Sobrado do Bispo (Ourense), cunha directiva presidida por Ramón Cid Cruz, actual membro da Coral e baixo a batuta do director desta localidade, Arsenio Alonso Araujo.

No ano 1989, ponse ó fronte da agrupación o seu actual director Epifanio Nóvoa Valencia que ó longo dos anos consigue darlle ao grupo unha personalidade propia nas súas interpretacións.

Esta coral conta cun amplo e variado repertorio que vai dende obras da Idade Media ata a actualidade. No xénero das panxoliñas esta Coral conta con composicións orixinais propias con letra do tenor Modesto Blanco, que tamén é actual membro da Coral, e musicalizadas polo seu director Epifanio Novoa.

A coral ven participando activamente nos convenios culturais do Concello de Barbadás, a Deputación de Ourense e a Federación Coral Galega. Ten editado un CD titulado ¨Sobrado Canta¨. Actualmente a agrupación musical esta composta por 21 voces mixtas e está presidida por Beatriz Crespo Raindo.

O programa da Coral Voces e Cordas de Sobrado do Bispo para este concerto é:

1- Nadal, traducida do inglés.

2- Neno Xesús, de J. Dominguez.

3- El mi niño tiene sueño, popular de Cantabria, de J. Busto Arm.

4- o meniño esta durmindo, natal de Evora Arm, Mario de Sampayo Ribeiro.

5- Noiteboa, Noite De Nadal, de A. Fernández (León).

 

Coral Polifónica Concello de Monforte de Lemos

Fúndase en marzo de 1996 e está composta por 45 voces mixtas, o seu repertorio inclúe música sacra, popular galega, habaneras, polifonía en castelán, panxoliñas, etc.

Ten no seu haber numerosas actuacións a nivel provincial, autonómico, nacional e internacional. Na nosa comunidade a coral polifónica de Monforte actuou en Ribadeo, Cee, Marín, Ourense, Pontedeume, O Grove, Mondoñedo, Lugo, Vigo, Pontevedra, etc... así como en distintas partes do Estado como León, Zamora e en varias localidades asturianas como Cudillero, Villaviciosa, Mieres, La Felguera, etc.. Destacan a nivel internacional actuacións en Martigni (Suiza), Rennes (Francia), Cerdeña, Bolzano e Padua (Italia), Gotha (Alemania), Helsibor (Suecia), Oporto e Guimaraes (Portugal). No ano 1999 gravou un CD de polifonía variada.

A dirección da coral corre a cargo de Fernando Sanmartino Pérez, quen na actualidade compaxina a dirección da Coral coa de director do Conservatorio Municipal “Mestre Ibáñez” de Monforte de Lemos. A coral estará acompañada por:

 

-Piano/órgano: María Quiroga Álvarez.

-Violíns: Andrea Ferreiros Sánchez e Uxía Castro de la Fuente.

O programa da Coral Polifónica Concello de Monforte de Lemos

1- Señor me cansa la vida, de Juan Alfonso García.

2- Soon A Will Be Done, de William L. Dawson.

3- Cantique de Noël, de Adolphe Adam.

4- Nearer My Goot To Thee (Preto de tí), de Lowell Mason.

5- Deanolo Señora, de Celada Alonso.

 

Finalmente e para despedir o acto, todas as corais presentes interpretarán conxuntamente o popular Adeste Fideles, himno de Nadal composto por John Reading en 1680.