Mellora de alumeado público en 8 rúas de Monforte

Monforte de Lemos, 8 de marzo de 2019. O Concello de Monforte informa que está licitado o Proxecto de mellora de iluminación das rúas Duquesa de Alba, San Lázaro, Calvo Sotelo, San Pedro, Coruña, Chantada, Teceláns e Ourense.

Con esta nova actuación acométese a mellora da iluminación pública de 8 rúas da cidade que case todas son o que se denominan rúas troncais porque son vías de acceso e saída da cidade ou ben son rúas que comunican distintos barrios entre si, o que significa que van dar servizo a un gran número de cidadáns, tanto de Monforte como de outros concellos.

Os veciños que directamente se van ver afectados por esta mellora da iluminación son arredor de 3.000, dado que son as persoas censadas nas rúas antes citadas:

  • Rúa Duquesa de Alba: 320 veciños censados
  • Rúa San Lázaro: 115                “               “
  • Rúa Calvo Sotelo: 529             “               “
  • Rúa San Pedro: 268                 “               “
  • Rúa Coruña: 112              “               “
  • Rúa Chantada: 766                 “               “
  • Rúa Teceláns: 28                    “               “
  • Rúa Ourense: 781           “               “

 

A isto hai que engadir as miles de persoas que diariamente circulan por estas rúas sen residir nelas.

O actual alumeado público dispón dunhas instalacións nun estado aceptable, pero enerxeticamente ineficiente, proxectándose a substitución das luminarias e refórmanse e colócanse 4 novos cadros de mando con protección contra sobretensións.

Os novos equipos estarán formados por elementos de tecnoloxía moderna e alta eficiencia enerxética, de tecnoloxía LED, con protección térmica e diferencial, con encendido mediante programador astronómico e con equipos electrónicos multinivel de preprogramado.

Cos novos equipos pódese acadar un nivel de redución do consumo de ata o 50% a partir das 4 horas iniciais dende o encendido.

Nestas 8 rúas vanse cambiar 175 luminarias novas de tecnoloxía LED, con baixo consumo e maior luminosidade, distribuídas do seguinte xeito agrupadas por cadros de mando:

  • Rúa Duquesa de Alba-Rúa San Lázaro: 1 cadro de mando e 30 luminarias.
  • Rúa Calvo Sotelo-Rúa San Pedro-Rúa Coruña: 1 cadro de mando e 61 luminarias.
  • Rúa Chantada- Rúa Teceláns: 1 cadro de mando e 30 luminarias.
  • Rúa Ourense: 1 cadro de mando e 46 luminarias.

 

Coas novas instalacións redúcese o consumo en 58.261 KWh/ano, pasando dun consumo actual de 92.151 KWh/ano a un consumo coa nova instalación de 33.889 KWh/ano, o que supón un aforro do 63,22 % do consumo.

O orzamento de licitación que inclúe o proxecto e dirección de obra ascende a 103.990 euros. A financiación deste orzamento procede nun 80% do IDAE (Instituto para a diversificación e aforro da enerxía, do Ministerio de Industria) e o 20% restante con fondos do Concello.

Neste momento está aberto o prazo para a presentación de ofertas por parte das distintas empresas que queiran optar á realización desta obra, tendo previsto reunirse a Mesa de Contratación para abrir as ofertas presentadas o luns día 18 de marzo ás 9 da mañá.

O proxecto prevé 3 meses para a execución das obras dende a sinatura do contrato, podendo adiantarse á súa finalización se as condicións climatolóxicas permiten avanzar os traballos a bo ritmo.

Cando estean rematados estes traballos serán máis de 50 as rúas e prazas da cidade que viron mellorado o alumeado público, convertendo a Monforte nunha cidade máis luminosa e máis segura.