Monforte acollerá a última fin de semana de maio o Mercado das Plantas e Flores

Monforte de Lemos, 17 de maio de 2019. O Concello de Monforte informa que a fin de semana do sábado 25 e domingo 26 de maio terá lugar na praza de Abastos de Monforte de Lemos o “Mercado das Plantas e Flores”. O sábado o Mercado abrirá durante todo o día, de 10:00 a 14:00 e 17:00 a 20:30 horas, mentres que o domingo a apertura será en xornada de mañá, de 11:00 a 14:00 horas.

Dende o Concello, invitamos a todos os monfortinos e visitantes a participar nun evento no que poderán interesarse por todo tipo de produtos relacionados coa temática da xardinaxe e a horticultura: Plantas ornamentais e de horta, ferramentas de xardinaría, decoración de interior e exterior, testos para plantas...

Este Mercado das Plantas e Flores está enmarcado dentro da Campaña “Quere o teu mercado”, promovida nas Plazas de Abastos Galegas pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, e onde o Concello de Monforte participa activamente un ano máis con esta iniciativa.

 

Obradoiros temáticos

O Mercado das Plantas e Flores contará cunha variada zona expositiva, e ademais tamén se celebrarán dous obradoiros relacionados co eido da xardinería.

O primeiro deles estará adicado a aprender a “construción dunha espiral de plantas aromáticas”, a cal serve para captar fauna beneficiosa para a horta. Este obradoiro realizarase o sábado 25 de 18:00 a 20:00 horas e está dirixido para todo tipo de públicos.

O segundo dos obradoiros, dirixido nesta ocasión ós máis cativos, terá lugar o domingo 26, a partir das 11:30 horas, e consistirá na “decoración de testos para plantas”, utilizando como base diferentes materiais reciclados.

Do mesmo xeito, e tal e como se fixo nos últimos anos nos que se levou a cabo esta actividade, durante a celebración do Mercado en Monforte haberá diferentes agasallos para os clientes que participen no mesmo.

Campaña “Quere o teu mercado

A iniciativa “Quere o teu mercado” é unha campaña internacional para o fomento das prazas de abastos e do mercado de proximidade que se celebra o último sábado de maio en todalas prazas participantes dos diferentes países.

O Concello de Monforte participa nesta iniciativa dende hai 3 anos con actividades na súa praza de abastos co fin de dinamizar a actividade dos pequenos comerciantes que nela ofrecen os seus productos, neste caso relacionados coas plantas e flores.

Para obter máis información sobre esta iniciativa, pódese consultar este enlace  

Do mesmo xeito, animamos a todos os interesados a seguir o Facebook ou Instagram desta campaña. Todos aqueles que compartan unha foto mercando na praza de abastos,  neste caso durante a celebración do Mercado das Plantas e Flores de Monforte, nomeando o perfil @quereoteumercado ou o hashtag #quereoteumercado serán agasallados cunha mochila térmica e un mandil.