Monforte de Lemos, 21 de outubro de 2019. Na mañá de hoxe, o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou ós medios de comunicación á nova responsable da Aula Universitaria da UNED en Monforte, Marta Rodríguez de la Fuente, acto no que tamén participou a directora do centro da UNED en Lugo, Ana Traseira, centro ó que pertence á Aula de Monforte.
Deste xeito, o acto serviu para dar a coñecer o currículo da nova responsable da UNED en Monforte así como as principais novidades do curso académico que ven de iniciarse para o período 2019-2020.
O Alcalde deu así a benvida a Marta Rodríguez desexándolle “o maior dos éxitos tanto profesionais coma persoais. Espero que se sinta a gusto na nosa cidade e que elo contribúa ó óptimo desempeño da súa labor docente e xestora ó fronte da Aula UNED de Monforte”. E concluíu a súa intervención salientando que “o Concello vai seguir formando parte da familia da UNED, para acercar a universidade a aquelas persoas que non puideron estudiar no seu momento, ou que por circunstancias non poden desprazarse, pero que si lles acercamos o servizo formativo, teñen interese en iniciar unha carreira.” Neste senso, o rexedor municipal destacou que o “Concello amosa o seu compromiso coa UNED de Monforte a través da aportación anual de 50.000 euros que fai para o mantemento de dita aula.”
Marta Rodríguez de la Fuente: Amplo currículo académico e profesional
Marta Rodríguez de la Fuente é orixinaria de Ourense e Licenciada en Ciencias Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela. Tras superar a suficiencia investigadora no Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo, actualmente traballa na súa tese doutoral “Evolución regional dentro de las cadenas de valor globales: el rol de las empresas domésticas y de las instituciones”.
A nova responsable da UNED en Monforte conta cunha dilatada experiencia docente: dende o ano 1998 é profesora asociada na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense e dende 2008 forma parte do equipo docente do Centro Asociado da UNED en Lugo, coma profesora titora. Do mesmo xeito, tamén desempeña labores docentes a través da Plataforma de Teleformación TEMA, da Universidade de Vigo.
Ademais, son múltiples os estudos e publicacións levados a cabo por Marta Rodríguez de la Fuente ó longo da súa actividade profesional, especialmente no campo da análise da estrutura económica, do comercio, do sector turístico, do sector da automoción ou do emprego.
Conta, así mesmo, con numerosas publicacións en libros arredor de economía e organización de empresas, xestión administrativa pública ou creación e desenvolvemento de produtos turísticos. Finalmente conta cunha ampla participación en congresos a través de comunicacións, conferencias e ponencias, e son tamén moitos os cursos e seminarios impartidos ó longo destes últimos anos.
Novidades do curso académico UNED 2019-20
Pola súa banda, Ana Traseira agradeceu o compromiso do Concello de Monforte coa Aula da UNED na cidade, que iniciou a súa andaina en 2006, mentres que Marta Rodríguez afirmou que asume “coa maior das ilusións a coordinación da Aula na cidade.
Ambas salientaron as principais novidades da Aula UNED en Monforte, que son as seguintes:
- A UNED oferta unha titoría de investigación para os alumnos de Traballo de Fin de Grado e de Traballo de Fin de Máster. Nesta titoría, os estudantes recibirán orientación e directrices metodolóxicas que lles axudarán a alcanzar o éxito na elaboración das súas TFG e TFM.
- Outra novidade deste curso é a creación de dúas figuras de apoio para o alumnado, a figura do profesor/a-conselleiro/a e a do alumno/a-mentor/a, coas que se pretende que os estudantes se sintan máis acollidos e acompañados no seu primeiro ano na universidade.
- Na UNED Lugo desenvolverase unha liña transversal que se centrarás no Medio Ambiente no curso 19-20: Baixo o lema “UNED Lugo NaturalMente”, prestarase especial atención ó medio ambiente, cambio climático ou desenvolvemento sostible.
- Todas as materias que non existen presencialmente en Monforte se titorizan automaticamente por web/videoconferencia para as aulas.
- Biblioteca gratuíta: existe préstamo en Monforte de todos os manuais da Biblioteca de Lugo (uns 5.000 exemplares a disposición dos alumnos), que se levan ata a aula e recóllense no aula e o alumno devólveos alí.
- Titoría presencial, no horario do Aula e na atención personalizada
- Programación de extensión universitaria propia. Neste senso, xa se celebrou unha actividade: “Atención integral ás persoas”, con 18 matriculados. E xa hai tres máis programadas, todas elas dotadas de créditos FTS, válidos para oposicións da Xunta ou do SERGAS:
- Do 11 ó 15 de novembro: “Prevención do odio, a xenofobia e outros delitos contra as persoas”, de 25 horas
- Do 25 de novembro ó 2 de decembro: “O novo paradigma da superdotación e as altas capacidades no século XXI: un reto educativo”, de 30 horas.
- De 3 ó 11 de decembro: “A dirección escolar e o coaching nos centros educativos”, de 30 horas.
- UNED Sénior: programa formativo que inclúe temas de actualidade e estratexias de desenvolvemento persoal, enfocadas ás persoas maiores de 55 anos, interesadas en enriquecer osa seus coñecementos, con independencia da formación académica que posúan, en cursos de 1 cuadrimestre.
Actualmente, a Aula UNED de Monforte oferta todos os estudos oficiais que oferta o Centro Asociado de Lugo, é dicir, 22 titulacións de Grao, decenas de Másters, o Curso de Acceso Directo (CAD) e o Centro Universitario de Idiomas (CUID).
Dende o 2006 pasaron pola aula de Monforte centos de alumnos, non só coa finalidade de realizar estudos universitarios, senón tamén para acceder a ciclos de FP a través do CAD, ou para realizar o curso para obter o Bacharelato.
Marta Rodríguez rematou destacando que o seu obxectivo coma nova coordinadora da Aula UNED en Monforte “será que a Aula sexa un referente cultural destacado do sur da provincia de Lugo”.