Monforte de Lemos, 24 de xuño de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o Técnico Municipal de Deportes do Concello, Óscar Rodríguez, mantiveron esta mañá unha reunión na Casa do Concello co Presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, co fin de analizar a viabilidade da organización en Monforte do Campionato Galego de Ciclismo Fondo en Estrada 2019 para categorías Cadete e Júnior masculino e feminina, e Sub-23, Élite e Master feminina.
Na reunión tratáronse temas como o percorrido de cada unha das probas a seguridade, previsibles cortes de tráfico así como a repercusión social dun evento que estima unha participación duns/dunhas 300 ciclistas que, ó tratarse de categorías de base, de seguro veñen acompañados por familiares e amigos.
O evento terá lugar o sábado 7 de setembro en horario de tarde e proximamente se darán a coñecer os percorridos de cada unha das categorías.
A Federación Galega de Ciclismo é o máximo órgano directivo deste deporte en Galicia, e é unha das Federacións Autonómicas máis importantes de España. En Galicia, o ciclismo está en un bo momento de expansión, un dato que é facilmente constatable a través do gran número de clubs e ciclistas que hai na actualidade, así como polo volume de actividades que a Federación organiza cada ano. Destaca tamén polo seu nivel deportivo, con excelentes resultados obtidos nos distintos Campionatos de España, e con representantes nos Mundiais nas modalidades de Estrada, Ciclo Cross e Mountain Bike.
Na actualidade Galicia conta con grandes especialistas na modalidade de contra reloxo individual como son Óscar Brea, Martín Bouzas e Guillermo García que obtiveron os títulos de Campións de España nesta modalidade.