O Concello de Monforte acolleu a reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade

Monforte de Lemos, 7 de agosto de 2019. A sala de Xuntas do Concello de Monforte acolleu este mediodía a reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade. Á xuntanza asistiron o Alcalde, José Tomé, a Subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez, a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a secretaria accidental do Concello e tamén os representantes dos distintos corpos e forzas de seguridade do Estado: o inspector da Policía Nacional, os representantes da Garda Civil, o representante da D.X. de Emerxencias, representantes da Policía Autonómica así como da Policía Municipal.

A orde do día da xuntanza consistiu na análise do dispositivo de seguridade con motivo das Festas Patronais da cidade, que darán comezo este domingo 11 e ata o venres 16, a Volta Ciclista do Campionato de Fondo en Carreteira de Galicia, que se celebrará o 7 de setembro en Monforte, e o dispositivo da festa de San Mateo, que como é tradición terá lugar o 21 de setembro.

 

Dispositivos de seguridade durante as Festas Patronais

A xuntanza abordou en primeiro lugar os diversos dispositivos de seguridade que o Concello de Monforte precisará para as Festas Patronais de Monforte, que darán comezo este domingo día 11. A tal efecto, o Alcalde expuxo as necesidades de seguridade de ditas Festas, explicando cal vai ser o dispositivo despregado pola Policía Municipal e expoñendo as necesidades de colaboración co resto de corpos e forzas de seguridade do Estado.

Dado o esforzo que está facendo o Concello entre a cobertura das prazas do corpo da Policía Municipal e a contratación de auxiliares de policía, este ano vai haber un maior dispositivo da Policía Local durante as Festas, que se vai traducir en que haberá 2 patrullas por quenda, mañá, tarde e noite, durante todos os días de celebración das Festas, véndose incrementadas estas dotacións o día 16 no paseo do Malecón con motivo dos fogos do río.

Por parte da Policía Nacional, ademais dos medios propios da Comisaría de Monforte, virán desprazadas durante os días de celebración das Festas outros efectivos procedentes de Ourense ou Vigo, que en número oscilarán entre os 6 e 10 axentes, que completarán o dispositivo de seguridade cidadá.

Polo que respecta á Garda Civil, efectivos da mesma prestarán a súa colaboración na periferia da cidade e particularmente terán presencia nas proximidades do estacionamento provisional que se vai habilitar con motivo das Festas entre a vía do ferrocarril e a N-120.

Na seguridade das Festas Patronais tamén colaborará unha patrulla da Policía Autonómica que centrará o seu traballo na prevención do consumo excesivo de alcol nas zonas cunha maior presencia de persoas.

 

Campionato Galego de Fondo en Carreteira de Ciclismo

De cara ó Campionato Galego de Fondo en Carreteira de Ciclismo, que se celebrará en Monforte o 7 de setembro pola tarde, tamén haberá colaboración por parte dos 3 corpos e forzas de seguridade do Estado, tanto no desenvolvemento da proba nas rúas da cidade como no tramo que se desenvolva por estrada fóra do casco urbano.

 

Festa do San Mateo

Polo que respecta á Festa do San Mateo, que como todos os anos celébrase o 21 de setembro, tamén se decidiu o dispositivo que haberá no entorno do recinto festivo, composto tamén por corpos de seguridade da Policía Municipal, Policía Nacional e Garda Civil.

 

Tanto nas Festas Patronais como na Festa do San Mateo, contaremos coa colaboración do Consorcio de Bombeiros para previr calquera eventualidade relacionada con algún tipo de incendio, que todos desexamos que non se produza.

O Alcalde valorou positivamente o resultado da reunión e sobre todo o espírito de colaboración e a implicación de todos os corpos e forzas de seguridade do Estado. E especialmente, agradeceu á Subdelegada do Goberno a súa colaboración que presta a través dos distintos corpos e forzas de seguridade do Estado.