O Concello de Monforte convoca o XXIV CONCURSO DE DESEÑO DE CARTEIS FESTAS PATRONAIS 2019

Monforte de Lemos, 7 de febreiro de 2019. O Concello de Monforte de Lemos convoca o XXIV Concurso de deseño de carteis Festas Patronais 2019, co fin de escoller o cartel anunciador para o presente ano de ditas festas.

Aqueles interesados en concursar terán que facelo con obras de creación propia, orixinais e inéditas. A técnica e o formato será libre sempre que sexa apta para a reprodución mediante cuatricromía.

Os deseños deberán incluír o texto “MONFORTE DE LEMOS FESTAS PATRONAIS do 11 ó 16 de agosto 2019”, distribuído do xeito que escolla o autor/a.

A entrega de orixinais realizarase persoalmente ou por correo no Rexistro Xeral do Concello de Monforte dende a data da convocatoria (hoxe) ata o 25 de abril de 2019. Non se aceptarán aquelas obras que leven cuño de correos con data posterior.

As obras non levarán o nome do autor/a de maneira visible e presentaranse nun sobre asinado con pseudónimo, debendo acompañar noutro sobre pechado todos os datos persoais do autor: nome, enderezo postal completo, teléfono e enderezo de correo electrónico.

Establécese un único premio que será o cartel anunciador e a portada do programa das Festas 2019 e dótase cunha cantidade de 1.000 euros, impostos incluídos.

O cartel que reciba o premio quedará en poder do Concello de Monforte de Lemos. A propiedade intelectual do traballo gañador corresponderá ó/á autor/a, non obstante a concesión do premio levará consigo sobre o traballo gañador a cesión exclusiva e gratuíta en favor do Concello de Monforte de todos os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación por calquera modalidade, medio ou formato, incluídos os audiovisuais, os informáticos, os multimedia e os telemáticos. Do mesmo xeito, o concello quedará autorizado para divulgar o traballo gañador na forma e polos medios que considere máis oportunos e poderá exercer os seus dereitos sobre un fragmento ou parte do traballo, podendo adaptalo se fose necesario.

O gañador/a do concurso entregará tamén unha copia do cartel en formato dixital e incluirá os diferentes logotipos facilitados polo Concello de Monforte e se é o caso das entidades patrocinadoras.

O cartel gañador e unha selección dos mellores traballos presentados, selección realizada polo xurado, quedarán temporalmente en poder da Delegación Municipal de Cultura para realizar unha exposición na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro. Unha vez rematada a exposición serán devoltos aqueles que sexan solicitados polos seus autores. Os autores responsabilizaranse totalmente de que non existan dereitos a terceiros nas obras presentadas.

O xurado do concurso estará composto por:

PRESIDENTE: A Delegada de Cultura ou persoa á que designe.

VOGAIS: Persoas de diferentes ámbitos sociais, educativos e culturais de Monforte de Lemos.

SECRETARIO: O técnico de cultura do Concello de Monforte, con voz e sen voto, que certificará o cumprimento das condicións establecidas nas bases do concurso.

A decisión do xurado farase pública o luns 6 de maio.