O Concello de Monforte convoca o concurso de atletas e clubs máis destacados do ano 2018

23 de xaneiro de 2019. O Concello de Monforte  convoca a sétima edición do concurso para elixir os atletas e clubs máis destacados do ano 2018, incluíndo as categorías de adestradores e árbitros.

 

As bases definitivas recollen, entre outros, os seguintes aspectos:

 

Categorías

 

•   Mellor deportista, masculino e feminino, do 2018

•   Mellor deportista promesa, masculino e feminino, do 2018

•   Mellor adestrador ou adestradora do ano 2018

•   Mellor árbitro ou xuíz do ano 2018

•   Entidade deportiva ou club máis distinguido en canto á promoción do deporte durante o ano 2018

•   Premio á deportividade e ó xogo limpo

 

A convocatoria establece a categoría de  Excelencia Deportiva que poderá conceder o xurado cualificador a aqueles candidatos que teñan un historial e uns méritos deportivos sobresaíntes. 

 

A presentación de candidaturas poden facelas os clubs e as entidades deportivas, deportistas así como membros do xurado e persoas relacionadas coa actividade física e o deporte municipal. As candidaturas poderán ser presentadas polos propios candidatos ou por terceiras persoas.

 

As solicitudes de inscrición deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello dende o día seguinte á súa publicación na páxina web municipal. O derradeiro día para facelo é o venres, 22 de febreiro ás 14 horas.

 

As solicitudes deberán conter, obrigatoriamente, a seguinte documentación:

 

•   Instancia de solicitude asinada polo interesado.

•   No caso de optar ó premio de mellor deportista, absoluto ou promesa, e mellor adestrador,  relación detallada dos logros deportivos conseguidos durante o ano 2018 en campionatos oficiais, indicando con claridade todos os datos da competición (denominación, datas, categoría, etc...)

 

•   No caso de optar ao premio a mellor árbitro, debe aportarse a relación detallada da súa actividade durante o ano 2018.

•   Os clubs e entidades deportivas que opten ó premio á promoción do deporte deberán facer unha exposición de motivos na que se fagan constar as razóns polas que son merecedores do galardón.

•   Para participar na categoría de premio á deportividade e ó xogo limpo, cómpre entregar unha memoria explicativa das actitudes de autoestima, cooperación, responsabilidade e tolerancia no deporte.

•   Reportaxe fotográfica ou audiovisual dos atletas ou clubs participantes, en formato dixital.

A listaxe das candidaturas publicarase cando remate o prazo de solicitudes.

Os vencedores de cada categoría daranse a coñecer na Gala do Deporte.

En cada unha das categorías haberá un único vencedor que recibirá un trofeo acreditativo.

Os participantes non premiados recibirán un agasallo conmemorativo  do concurso.

 Bases Premios Mellores Deportistas e Clubs do ano 2018