O Concello de Monforte inicia hoxe unha campaña de concienciación cidadá sobre reciclaxe e separación de residuos

Monforte de Lemos, 18 de novembro de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe o inicio dunha campaña de información sobre reciclaxe, organizada polas concellerías de Medio Ambiente e Servizos.

A campaña ten por obxectivo informar ós veciños e veciñas de Monforte sobre as claves para levar a cabo unha axeitada reciclaxe dos residuos que se xeran no fogar. Para elo, dende o Concello levouse a cabo unha campaña publicitaria, coa publicación de anuncios en prensa, cuñas en radio, paneis informativos nos centros educativos da cidade, e pancartas nas principais entradas da cidade.

Do mesmo xeito, habilitouse un stand informativo, no que un monitor medioambiental informará ós cidadáns sobre o contido da campaña, repartindo para elo trípticos informativos.

Baixo o lema “Reciclar é un xogo de nenos, separa os teus residuos”, a campaña incide especialmente no tipo de residuos que se deben depositar en cada un dos colectores específicos que para elo pon o Concello a disposición dos cidadáns:

  • Contedor azul: no que se poden depositar todo tipo de produtos de papel: revistas, follas, xornais, caixas de cartón, envoltorios... E nel non se pode depositar nada que non sexa de papel ou cartón, por exemplo, bolsas de plástico, briks, envases, etc.
  • Contedor amarelo: é o que recolle os envases de plástico, como botellas de auga, briks de zume ou leite, latas de refresco, conservas, etc. Neste colector non se poden depositar residuos tales como CD’s, roupa, bombillas, residuos orgánicos ou produtos contaminantes.
  • Contedor verde: o destinado ós envases de vidro, tales como botellas ou tarros. Non admite todo aquelo que non sexa vidro: tapóns e tapas dos tarros, cristais de espellos, ventás...

 

O stand informativo ubicarase en distintas zonas da cidade de Monforte co obxectivo de chegar ó máximo número de cidadáns posibles. Todos os cidadáns que desexen recibir información no mesmo poderano facer do 18 ó 22 de novembro e do 16 ó 20 de decembro, en horario de 9 a 14 horas. Deste xeito, o stand estará situado nas seguintes localizacións:

 

  • Explanada da Compañía: luns 18 de novembro e luns 16 de decembro.
  • Rúa do Cardenal: martes 19 de novembro e martes 17 de decembro.
  • Campo de San Antonio: mércores 20 de novembro e mércores 18 de decembro.
  • Praza da Estación: xoves 21 de novembro e xoves 19 de decembro.
  • Rúa do Cardenal: venres 22 de novembro e venres 20 de decembro.

   

Charla formativa de Sogama

Coincidindo coa celebración da Semana Europea da Prevención de Residuos, e dentro desta campaña de concienciación medioambiental, o Concello de Monforte e SOGAMA organizan unha sesión formativa, baixo o título “Corta polo san! Reduce residuos” que terá lugar mañá martes 19 de novembro ás 6 da tarde na Casa da Cultura.

Esta charla vai dirixida a públicos de todas as idades e nela exporanse as claves para unha axeitado tratamento dos residuos que xeramos nos nosos fogares, tendo sempre presente a Regra dos 2 Erres: Reducir, Reutilizar e Reciclar.

Educadores medioambientais de Sogama serán os encargalos de impartir esta charla e de expoñer, trasladar e aconsellar á cidadanía sobre os comportamentos a adoptar en diferentes escenarios da vida cotiá para reducir a xeración de refugallos.

As sesións formativas contemplarán coloquios e un espazo de interacción no que os asistentes terán a oportunidade de consultar dúbidas e facer propostas de mellora nunha cuestión primordial como é a correcta xestión dos residuos, que nos incumbe todos e en cuxa solución tamén debemos participar todos.

Os veciños de Monforte que acudan a esta charla serán obsequiados con diferente material didáctico, divulgativo e de merchandising.